Carriola.Redacción.28.10.25
A programación do ciclo de cine “Mestre Mateo que se ven ofrecendo na Biblioteca Pública de Marín ao longo das pasadas semanas, ten hoxe unha cita importante co documental de “Zeltia Outeiriño” na Biblioteca Pública de Marín ás 19,30 horas.
A Biblioteca municipal de Marín acolle hoxe martes 28 de outubro ás sete e media da tarde, a proxección do documental “Filmei paxaros voando”, de Zeltia Outeiriño. A actividade forma parte do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia.
O documental “Filmei paxaros voando” amósanos como a súa directora Zeltia Outeriño volta a Galicia despois de 20 anos en Barcelona para filmar a memoria do seu admirado tío Antonio, un artesán téxtil que viviu intensamente nos anos 80. Este retorno provoca o reencontro coa súa nai Socorro, unha muller á que Zeltia rexeitaba. O repentino empeoramento na saúde de Socorro cambia a mirada de Zeltia, que comeza un camiño de volta a casa complexo, pero tamén cheo de amor, coidados e curación.
A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese tamén este ano en Mondariz, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Ademais de “Filmei paxaros voando” en Marín neste mes de outubro proxectáronse curtametraxes, os documentais “Salvaxe, salvaxe” e “Aurora”, e as longametraxes “As Neves”, “+Cuñados”, “Honeymoon” e “Xustiza artificial”.