Carriola.Ateneo.02.12.25
Mañán luns, 3 de novembro, ás 20:00h, terá lugar na sala do Ateneo Santa Cecilia a inauguración de “Facianas de Muller”, a nova exposición pictórica de Lidia Alarcón Pazos nun acto de entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.
Nesta mostra, a artista presenta un conxunto de rostros femininos que amosan a diversidade, a beleza e a vitalidade das mulleres, destacando a súa mensaxe a través de cores intensas e a forza expresiva das súas obras.
Residente en Marín dende hai 24 anos, Lidia é unha pintora autodidacta cuxa paixón se remonta á infancia, cando xa destacaba nas materias de debuxo.
Actualmente compaxina a pintura no seu fogar coas clases en Céltica Marín ArteCultura. Cabe destacar que Lidia xa expuxo con anterioridade no Ateneo, cunha excelente acollida por parte do público.
A exposición estará aberta do 3 ao 14 de novembro. Poderase visitar de luns a venres, en horario de 18:00 h a 20:30 h.