Carriola.Redacción.14.11.25
O próximo martes, tal como xa informamos en Carriola hai uns días, terá lugar no salón de plenos do concello o acto institucional polo 25N e no seu transcurso procederase á lectura do manifesto que foi aprobado no último pleno.
O texto íntegro de tan importante documento é o seguinte:
A falla de recursos asistenciais en mulleres que presentan múltiples problemáticas asociadas coa violencia de xénero, como condutas aditivas, discapacidade e saúde mental, pon en risco a súa integridade e favorece a súa discriminación, polo que é necesario abordar os casos de maneira integral creando espazos de recuperación.
Os servizos que desenvolven o seu labor no ámbito da violencia machista necesitan ser dotados dun maior número de profesionais e medios para mellorar a calidade da asistencia que prestan.
Non podemos deixar de denunciar o alarmante incremento de distintos tipos de violencia amparado en discursos de odio e particularmente a violencia sexual contra as mulleres e as nenas.
É necesario formar á cidadanía en masculinidades igualitarias para lograr relacións saudables distintas ás impostas polo patriarcado.
Amosamos o noso rexeitamento ante calquera intento de manipulación que pretenda vulnerar dereitos xa adquiridos polas mulleres, como o dereito ao aborto, xa que estes son o mellor exemplo da conquista social en materia de igualdade na que debemos seguir traballando.
Para rematar coas desigualdades entre homes e mulleres necesitamos do labor conxunto no ámbito educativo, familiar, os medios de comunicación, as administracións e a sociedade.
Agora máis que nunca, consideramos imprescindible insistir na necesidade de desenvolver políticas didácticas e de sensibilización sobre o que é realmente a violencia de xénero, como se manifesta, e cales son as ferramentas para previla e combatela.
Polo tanto, con esta declaración denunciamos que, a pesar dos avances acadados, a violencia de xénero segue a ser unha lacra na nosa sociedade, polo que é preciso seguir apoiando con firmeza medidas efectivas e reais que traballen en prol da súa erradicación e da igualdade entre homes e mulleres.