Carriola.Dep.Prov.(R)31.01.26
O pleno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres dúas mocións presentadas polo Grupo Popular centradas, por un lado, na solicitude ao Goberno de España para que flexibilice e adapte as obrigas establecidas no regulamento europeo de control da pesca á realidade operativa da frota litoral e artesanal de Galicia; e, por outro, en apoio e defensa do sector agrogandeiro. Dúas propostas que saíron adiante grazas ao voto favorable dos deputados do Grupo Popular, malia a abstención dos deputados dos grupos do PSOE e do BNG.
Unha sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de xaneiro na que se aprobaron por unanimidade a actualización do catálogo de estradas de titularidade da Deputación, a adhesión do organismo provincial ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento dunha administración dixital e o proxecto técnico presentado polo Concello de Moaña ao abeiro do Plan Extra para a humanización da contorna histórica de San Martiño. Así mesmo, aprobouse tamén por maioría, malia as abstencións dos grupos socialista e nacionalista, a adxudicación do servizo de telecomunicacións da Deputación para os vindeiros catro anos por un importe total de dous millóns de euros.
Apoio á frota artesanal
No apartado de mocións, aprobouse cos votos favorables dos deputados do Grupo Popular a moción para reclamar ao Goberno central a flexibilización e adaptación das obrigas establecidas no regulamento europeo de control da pesca á realidade das circunstancias da frota artesanal que faena no litoral galego. Un acordo que inclúe peticións concretas como instar ao Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación a aplicar a flexibilidade prevista no Regulamento Europeo de Control da Pesca en materia de notificación previa de chegada a porto, excluíndo do prazo de preaviso a aqueles buques pesqueiros que operan habitualmente en zonas próximas á costa do litoral español, sempre que non se vexa afectada a capacidade de control e inspección ou a establecer, para a frota artesanal que opera no litoral, un réxime simplificado de rexistro de capturas, que permita excluír da obriga de consignación individualizada a aquelas especies cuxa captura sexa inferior a un limiar mínimo sen prexuízo do rexistro completo das especies principais.
Do mesmo xeito, demándase ao Ministerio a definir criterios obxectivos e transparentes (tipo de frota, proximidade ao porto, duración da marea ou carácter multiespecífico da pesqueira) para a aplicación destas medidas de flexibilidade, garantindo en todo momento a trazabilidade global das capturas e o cumprimento da normativa de control; así como a impulsar, no ámbito da Unión Europea, unha adaptación normativa do réxime de control que teña en conta as características da pesca artesanal evitando cargas administrativas desproporcionadas e favorecendo a sustentabilidade social e económica do sector. Ínstase ademais ao Goberno a facer unha análise que detalle a situación real do sector pesqueiro respecto ao grao de implantación dos sistemas electrónicos de seguimento, notificación e trazabilidade esixidos polo Regulamento Europeo de Control da Pesca, identificando de maneira específica os segmentos da frota, especialmente a da pesca costeira artesanal, que non están en condicións de cumprir as novas obrigas.
Tamén ao sector agrogandeiro
Co voto favorable dos deputados do Grupo Popular e a abstención dos deputados do resto de grupos que compoñen a corporación provincial, aprobouse tamén a moción de apoio ao sector agrogandeiro da provincia que contempla manifestar o apoio explícito ao sector primario galego na defensa dos seus intereses ante o acordo entre a Unión Europea e os países do Mercosur, ademais de esixir ao Goberno de España que protexa o sector primario, defenda as cláusulas de salvagarda no acordo de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur ante posibles ameazas e garanta e intensifique os controis de fronteira co fin de que os produtos agroalimentarios de terceiros países que pretendan comercializarse no mercado comunitario cumpran os mesmos estándares de calidade, sanidade e benestar animal que os esixidos na Unión Europea. Neste sentido, ínstase á Xunta de Galicia a reclamar ante o Goberno central estas peticións e a seguir intensificando as medidas de apoio ao sector primario, especialmente no ámbito da sanidade animal, a prevención de enfermidades, as compensacións por perdas e o control da fauna salvaxe que afecta ás explotacións; así como facer unha fronte común desde Galicia para reclamar unha nova Política Agraria Común (PAC) con fondos suficientes e diferenciados, que permita asegurar as axudas directas a gandeiros e agricultores para promover a remuda xeracional e, ao mesmo tempo, asegurar un adecuado desenvolvemento rural.
Mocións rexeitadas
Pola contra, foron rexeitadas as mocións presentadas polos grupos do BNG e do PSOE relacionadas co apoio ás reivindicacións do sector agrogandeiro exposta polo BNG, así como as relacionadas co Servizo de Emerxencias Supramunicipal de Sanxeno e os programas de apoio ao comercio local formuladas polo PSOE.