Carriola.14.02.26.
julio@carriola.es.
MARÍN: UNHA BASE DA OTAN
Juan Méndez Martín
A historia é coñecida pero para as novas xeracións ou xentes que se acheguen por primeira vez a Marín, convén explicarllo.
A Vila de Marín era a finais da década de 1920 e comezos do 1930, unha cidade que chamaba a atención pola súa calidade urbana.
Impulsada polos aires dos arquitectos urbanistas europeos (p.ex. Howard, Cerda) e o liderazgo do Alcalde José del Rio, a Vila acometera unha reforma urbana (Ensanche) que a posicionaba como un escaparate harmonioso na relación co medio, ata rematada cun tranvía na beira mar. A ambición deste alcalde reformista (e a diferencia coas nosas últimas alcaldías) foi enorme: Del Rio pretendía ata construír unha especie de canal na desembocadura da Ponte de Ferro, que permitise certa navegabilidade para as barcas tantas veces retratadas e debuxadas: Aspiraba a unha pequena Venecia neste curruncho do mar atlántico.
Pero chegou o golpe militar co drama do Alcalde da Vila e outros case 40 mozos fusilados ou desaparecidos da Vila, logo a postguerra e os anos de autarquía económica 1939-1959 que fixeron que esa harmonía urbana, saltase polos aires. Primeiro o goberno da ditadura fíxose, con imposible oposición popular, cos espazos etnográficos berce da cidade. E despois o necesario pero desordenado e caótico crecemento do Porto desfixo case todos os espazos de beira mar.
Nos últimos anos, en linea con tantas cidades no estado i europeas, preténdese en Marín recuperar a faciana do urbanismo costeiro da Vila, a través de charlas, iniciativas e proxectos como “Abrir Marín o Mar”. Proxecto discutido e finalmente aprobado no Congreso dos Deputados. Fronte a este anceio cidadán, desafortunadamente, o Ministerio de Defensa en mans do Partido Socialista Obrero Español (PSOE), presenta unha proposta sorprendente, ofrecéndolle a Marín todo o contrario: O goberno, ven de amosar interese en que Marín poda ser base naval de buques da OTAN. É posible que vos semelle unha inocentada.
Ademais do PSOE, lamentable tamén o deputado popular Pedro Puy que se expresa sobre o tema falando de emprego. Parece que se trata os cidadáns como se foxen indios os que se poda convencer con espellos. Si a única proposta para Marín para atraer emprego é unha base da Otan, sería millor non adicarse a política. Marín leva 90 anos coa mesma cantinela do emprego, de poñer a Vila no mapa....e a Vila esmorece en case todos os indicadores e so hai que comparala co atractivo de outras vilas veciñas en continuo cambio.
Estou seguro que hai moitos veciños que se opoñen a este proxecto do PSOE para Marín dunha base da Otan. Neste punto coincidimos co que ten dito a Alcaldía cando respostaba na prensa sobre polígonos industriales na Vila: “Marín ya sufrió un importante relleno de espacios marítimos, ya hizo un importante sacrificio como ciudad”.
Entón si todos estamos de acordo co diagnóstico, porqué o PSOE e o PP, pretenden golpearnos de novo e queren regalarnos unha base naval nin mais nin menos que para buques da OTAN. Que intereses teñen?. É moi curioso que sexa o PSOE o que nos queira ofrecer esta nova herdanza histórica, un partido que sufriu tan fondamente o golpe militar. Cicais o PSOE estese pregando o belicismo dun dos peores gobernos da historia dos Estados Unidos e poderíamos decir da humanidade. E sería curioso que as desbandadas americanas, e seu belixerante e ambicioso lobby militar, vaian acabar repercutindo nesta pequena cidade, vehiculados polo Partido Socialista. Levamos varios anos no planeta dun belicismo descontrolado, onde diplomacia, concordia e pacifismo desapareceron do léxico cidadán e político.
Igual que hai 90 anos, Marín de novo ameazada na relación urbana co mar, xógase seu futuro na planificación da cidade. Entón, a quen podemos recorrer?: Desaparecida a Alcaldía de Marín para calquera reivindicación e defensa popular de mellora social, excepto os camións de Ence pola autovía, e, nin está nin se lle espera ó PSOE de Marín, que probablemente sexa un total descoñecido para Ferraz, so nos queda resignarnos, ou, votar. Ogallá os veciños pensen ben seu voto. Si o modelo de cidade o que queremos aspirar, é o que nos presentan o Partido Popular e o PSOE, xa sabedes o que temos estas últimas décadas e o que pode vir coa Otan. Si queredes unha Vila nova, un modelo de urbanismo equilibrado e atractivo, diferente, de cidade recuperada, harmónica e aberta o mar, e o mesmo tempo que atraia emprego e futuro, tendes a oportunidade de intentalo. Dependerá de vos.