Carriola.Redacción.18.03.26
Arredor de 40 alumnos e alumnas do “CEIP Plurilingüe do Carballal” participaron nunha xornada de educación ambiental organizada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián, na que se levou a cabo unha actividade de reforestación no Monte Pornedo (Pituco).
Durante a xornada, os escolares plantaron 80 árbores (castiñeiros, ameneiros, carballos) nunha zona que fora arrasada polos incendios do pasado verán, contribuíndo así á recuperación dun espazo natural de gran valor para a parroquia.

A actividade converteuse tamén nunha oportunidade para que os máis novos coñeceran de primeira man o patrimonio natural e histórico do monte. Os alumnos visitaron os petroglifos existentes na zona e achegáronse ata o miradoiro do Pornedo, desde onde puideron contemplar unha ampla panorámica do concello de Marín e da súa ría, una visión inédita para moitos deles.

Membros da xunta directiva da Comunidade de Montes exerceron de guías e “profesores por un día”, explicando aos rapaces a importancia do coidado do monte, da prevención dos incendios forestais e da conservación do patrimonio natural e cultural.
Ao remate da actividade, cada alumno recibiu un diploma acreditativo da súa participación na plantación, establecendo ademais un compromiso simbólico moi especial: visitar periódicamente o seu propio arbore, acompañado dos seus pais, coidalo e seguir a súa evolución ao longo do tempo.
Achegar o monte á xente nova

Iglesias, presidente da Comunidade en plan didàctico
Desde a Comunidade de Montes de San Xulián destacan que este tipo de iniciativas buscan achegar o monte ás novas xeracións e transmitirlles o valor do medio rural, fomentando o respecto pola natureza e o coñecemento do territorio.
A experiencia foi valorada moi positivamente tanto polo alumnado como polo profesorado do centro, que amosaron o seu desexo de repetir este tipo de actividades no futuro.
Pola súa banda, a Comunidade de Montes de San Xulián sinala que, a súa intención, é de continuar promovendo xornadas semellantes con outros centros educativos da contorna, convencidos de que a mellor forma de protexer o monte é facelo coñecer e sentir como propio ás novas xeracións.
Como lembraron aos rapaces ao finalizar a xornada: “Coidar o monte hoxe é protexer o mañá.”