Carriola.05.07.26
Desde a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín, que agrupa a máis de 20 colectivos, informamos que polas tardes tamén enfermamos e denuncia a incompetencia da Consellaría ante as baixas sen cubrir de 3 facultativos de quenda de tarde en Marín, o que se suma á problemática de que o Centro de Saúde de Seixo siga funcionando cunha soa médica para 2400 persoas pola baixa da outra facultativa sen cubrir por parte do Sergas dende o 1 de xuño.

Iria Aboi Ferradás (*).
No Centro de Saúde de Marín pasan consulta 14 médic@s, 11 de mañá, e 3 na quenda ordinaria de tarde. A Dra. María del Mar Novo Carballal, o Dr. Ángel Martínez Regueiro e o Dr. Rafael Castro Gerpe pasan consulta os martes, mércores e xoves pola tarde e están sen subsituír acumulando longas esperas nos seus cupos que no caso de Castro Gerpe vai ata o 3 de agosto, o que é 1 mes de espera.
O venres 3 de xullo ía acudir pola tarde unha persoa con prolongación de xornada, pero non acudiu ninguén, e dende o Centro tiveron que chamar a tod@s @s pacientes para descitalos e que non foran ao Centro de Saúde para nada. Están todas as citas do que levamos de xullo sen recolocar. E aínda presumen na Xunta de bos xestores cun conselleiro que insulta os pacientes cando di que a espera média é de 6 días e que é razoable.”
Denunciamos que o SERGAS deixa por sistema as baixas, permisos, vacacións e xubilacións sen cubrir sen importarlle as consecuencias para o persoal e os pacientes, algo que levamos anos denunciando a consecuencia dos recortes da Xunta. Ao non haber ningún médico de tarde os martes, mércores e xoves, acábanse por derivar eses pacientes ás urxencias do PAC de Marín que están no mesmo edificio a ver se son antendidos, aumentando a saturación do servizo e do persoal que o atende. Ademais, os luns e venres pola tarde están a Dra. Carmen Santos Novas, a Dra. Dolores Rivas Vidal e o Dr. Miguel Ángel Aboal Beato pero aos tres déronlles vacacións na segunda quincena de xullo.”
Preguntámonos que vai pasar coa quenda de tarde, porque isto supón na práctica a eliminación das consultas ordinarias nun momento no que ademais hai moita afluencia de visitantes e turistas. Parece que o xerente prefire aproveitar as circunstancias que se dan para tentar que non se note a súa falta de previsión e planificación nos meses de verán. Polo tanto, demandamos da Xerencia que faga o seu traballo para que a veciñanza non teñamos que sufrir esta incompetencia.”
Seixo continúa funcionando cunha soa médica para 2400 persoas pola baixa da outra facultativa sen cubrir por parte do Sergas dende o 1 de xuño. Aínda que a médica en activo ademais dos seus pacientes ordinarios, atende urxencias e tenta consultar algúns pacientes do outro cupo, acumúlase unha lista de agarda moi grande que ningún profesional debería asumir.
O verán non fixo máis ca comezar, aínda están por vir os días grandes das festas, e os anuncios e propaganda non tapan a mala xestión e os problemas de atención que sufrimos día a día. Polo que xa anunciamos que a nosa plataforma está a preparar novas accións de protesta, porque non imos calar ante o deterioro da sanidade de todas e todos.
(*) Iria Aboi é a portavoz da Plataforma