Carriola.Dep.Prv..12.11.26
A Deputación de Pontevedra incrementa nun 16% os recursos destinados a Infraestruturas e Vías Provinciais, que ascenden no 2027 a máis de 44,1 millóns de euros segundo remarcou a deputada delegada do servizo de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, indicando que os recursos previstos para esta área permitirán avanzar na mellora da seguridade das estradas provinciais, indispensables para a vertebración da provincia.
Cachafeiro subliñou que os recursos para o 2027 sumarán case 6 millóns de euros máis que os consignados para este ano 2026 e servirán para manter nas mellores condicións a nosa rede de estradas provinciais. Deste xeito, a deputada destacou que se impulsarán investimentos directos en estradas provinciais por valor de 30,1 millóns de euros e reservarase unha dotación orzamentaria para a redacción do proxecto de conexión entre Redondela e Pontevedra da Vía Verde. Ademais, incrementarase case un 5% o capítulo de conservación integración, explotación, operación e mantemento das estradas provinciais.
Co orzamento previsto para o vindeiro ano, a deputada salientou que serán máis de 154 millóns de euros os recursos dirixidos pola Deputación de Pontevedra nos últimos anos á mellora das estradas de titularidade provincial, que suma 1.650 quilómetros. Neste eido, recordou que, ata a data, con estes fondos públicos asináronse preto de trinta e oito convenios con concellos para contar con vías máis humanas e impulsouse a contratación de máis de 73 obras para a mellora doutras tantas estradas provinciais. Tamén remarcou que de xaneiro a outubro deste ano, a Deputación de Pontevedra licitou máis de 18,21 millóns de euros para obras públicas.
Apoio aos concellos coas estradas municipais
Un compromiso coa mellora da seguridade viaria que vai máis aló desta partida orzamentaria do servizo de Infraestruturas e á que hai que engadir os 8 millóns de euros do Plan Vía Depo cos que a Deputación está a colaborar cos 59 concellos de menos 50.000 habitantes da provincia no arranxo das estradas de titularidade municipal danadas polos efectos dos temporais do pasado inverno.