Carriola.Redacción.02.03.22
Recibimos en Carriola de Marín unha nota de prensa emanada da “Revolta de mulleres na Igrexa” no que se convoca a dúas concentracións para o vindeiro domingo día 6 de marzo ñas 12 horas, unha na Praza da Quintana, de Santiago de Compostela, e outra, la Parroquia do Cristo da Vitoria, en Vigo. E polo seu interés reproducimos o seu texto íntegramente no noso portal .
A Revolta de Mulleres na Igrexa (encabezada en Galicia polas mulleres da Parroquia do Cristo da Vitoria de Vigo e a Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria) convoca o vindeiro domingo 6 de marzo ao mediodía o terceiro acto público para defender a dignidade e a igualdade das mulleres na Igrexa. A concentración terá lugar de xeito simultáneo na praza da Quintana de Santiago de Compostela e na Rúa Baiona 9 de Vigo, esta vez baixo o lema 'Na Igrexa con voz e voto, pola igualdade e a dignidade das mulleres'. A pesar de que identifican “algúns xestos” para avanzar cara a unha maior inclusión da muller en determinados espazos eclesiais, considéranos insuficientes: “As mulleres estamos capacitadas e chamadas a participar en todos os espazos de decisión e tamén algunhas sentimos chamadas a practicar os ministerios”.
Hai unha nova conciencia sobre a igualdade da muller na Igrexa que empurra cara un novo modelo de participación e de goberno eclesial. Neste sentido prepárase o Sínodo de Mulleres 2022, que se celebrará a primeira quincena de Outubro de 2022 en Roma: Estamos comprometidas nunha Igrexa pola inclusión, o recoñecemento da paridade e a sinodalidade.
O Sínodo das Mulleres é un proceso internacional iniciado a finais do ano 2021 e no que se trata: a situación das mulleres na Igrexa; cal ha ser a participación e representación de todos e todas as crentes; cal debería ser a estrutura da Igrexa para ser verdadeira asemblea do pobo de Deus e como debe ser a súa transparencia; como vivir a Vida sacramental e como ser semente de esperanza no mundo e pódese obter máis información en https://www.catholicwomenscouncil.org/es/ )
Chamadas a participar
Desde a Revolta de Mulleres na Igrexa alertamos de que, a Igrexa, está perdendo un caudal de achega intelectual, emotiva e de efectividade que empobrece ao conxunto. Criticamos tamén que esta exclusión, ademais de excluír talento e experiencia da institución, é basicamente inxusta: “Non é de xustiza reducirnos a ser unicamente receptor do que decidiron os homes; Xesús non fai distincións, por que as impuxeron os varóns?”. As mulleres que formamos parte deste movemento cremos que se os homes lesen a historia nun sentido crítico, seguro que actuarían doutra maneira.
A pesar da dificultade de promover cambios nunha institución milenaria, A Revolta de mulleres trazou complicidades con outras redes internacionais, nomeadamente Voices of Faith (https://voicesoffaith.org/ ) e defenden unha actitude positiva e motivadora: As mulleres, e os laicos en xeral, sentimos chamadas a participar na misión da Igrexa. Defendemos que o Bautismo non nos dá só a dignidade de fillas de Deus do mesmo xeito que os homes, senón que tamén, ao facernos 'pobo de Deus' cos mesmos dereitos e deberes, queremos que se nos escoite naquelas cuestións que incumben ao pobo e non que se nos exclúa por simple razón de sexo.
Cambios “pequenos e insuficientes”
Desde a última concentración, en marzo de 2021, o movemento constatou cambios na Igrexa, pero consideramolos pequenos e insuficientes. No caso concreto das dioceses de Santiago de Compostela ou Tui-Vigo, ás que están adscritas moitas das mulleres da Revolta de mulleres en Galicia, non se ve ningún movemento neste sentido e, no último ano non vimos cambios nas nosas dioceses encamiñados a recoñecer a igualdade das mulleres na Igrexa.
O único campo no que si identificarían un sinal de transformación é o anuncio e posta en marcha do Sínodo de bispos, que convocou ao papa Francisco para toda a Igrexa. Pero cremos que non é garantía de que podamos avanzar.
O propio papa Francisco nomeou recentemente a varias mulleres en funcións de responsabilidade no Vaticano. Entre outros, a relixiosa Nathalie Becquart, como a Secretaria do Sínodo; a irmá Alessandra Smerilli como secretaria interina do Dicasterio para o Servizo de Desenvolvemento Humano Integral e delegada da Comisión vaticana Covid-19; ou a laica Francesca Dei Giovanni, funcionaria da Secretaría de Estado, como nova subsecretaria da Sección para as Relacións cos Estados.
A Revolta de Mulleres na Igrexa estima que son pasos moi pequenos, pero estas mesmas mulleres poden abrir paso a outras aínda que isto pode ocorrer en máis anos dos que son necesariose piden maior celeridade e axilidade.
Desde o pasado 8 de marzo, o Vaticano instituíu o ministerio laical do lectorado, o acolitado e dos catequistas. As feministas da Igrexa valorámolo como unha forma de formalizar unha realidade que xa se dá nas parroquias desde hai moito tempo. E en todo caso, deixamos a porta aberta a analizar que protocolos se esixirán ás persoas que deben realizar este servizo que tamén podería converterse nunha ferramenta de control ou unha especie de filtro que faga que sempre sexan as mesmas persoas quen o exerce e restrínxase a participación das bases.
Como novidade recente valorase tamén que se creou outra comisión para o estudo sobre o
acceso das mulleres ao diaconado permanente. Pero non se lé ningunha intención de propiciar o acceso á ordenación que podería culminar no sacerdocio feminino".
Novas redes de participación e concienciación
A convocatoria do 6 de marzo faise de forma coordinada con 15 grupos da revolta en todo o Estado -Badaxoz, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Las Palmas de Gran Canaria, Logroño, Madrid, Santander, Santiago de Compostela, Sevilla, Valencia, Vigo, Vitoria e Zaragoza– Todas celebraremos actos reivindicativos o mesmo día e á mesma hora.
A Revolta de Mulleres na Igrexa aglutina en cada localidade a diferentes asociacións e grupos de mulleres de parroquias, movementos e comunidades de crentes. Como Revolta, forma parte do movemento internacional Catholic Women’s Council (CWC), que aglutina a grupos e colectivos de mulleres crentes e feministas dos cinco continentes. Seguimos denunciando a discriminación e a vulneración dos dereitos as mulleres dentro da Igrexa católica, e reivindicamos o traballo das mulleres que desde hai anos loitan desde dentro por cambiar a institución.
A Revolta das mulleres é herdeira doutros grupos que desde hai máis de 30 anos reivindican a igualdade na Igrexa, e dunha longa tradición de loita que arrinca das primeiras comunidades cristiás, e continúa con multitude de mulleres que na historia foron fundadoras de ordes e congregacións, místicas, escritoras, poetas ou filósofas pero tamén, e sobre todo, coa tarefa invisible de moitas mulleres anónimas de todas as idades, condicións e continentes que sostiveron as comunidades e a Igrexa.
Revolta de Mulleres na Igrexa. Ata que a igualdade sexa costume.
Marzo 2022
Para contactar, na revolta galega están
Asociación Mulleres Cristiás Galegas (www.exeria.org) mcgexeria@gmail.com
en Santiago de Compostela, Marisa: 676180127; Clara: 695087010; Bea: 647735737
en Pontevedra, Elvira: 606730206; Eva: 652629252
Parroquia Cristo da Vitoria de Vigo: Olga: 658370409, Lucía: 636058677
