Será nos distintos municipios galegos diante dos concellos, ás doce do mediodía
A portavoz municiopal no concello de Marín, Lucía Santos Omil informa que mañán domingo ás doce do mediodía haberá unha concentración diante da casa do concello, convocada pola “Plataforma por un monte Galego cn futuro” da que forma parte o Bloque Nacionalista Galego. Indica no seu comunicado que “Levarase a cabo en distintas localidades do País, en demanda da paralización do Plan Forestal imposto polo PP; da adopción de medidas específicas, a través dun regulamento, para aplicar de maneira efectiva a anunciada moratoria do eucalipto, impedindo novas plantacións mediante o reforzamento das medidas de control e vixilancia e en defensa dun monte con futuro”.
Un plan de costas ao interés xeral
Santos Omil insiste en manifestar que “Este plan pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral, sen contemplar a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais e garantir así os servizos ecosistémicos dos montes galegos; fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras e propón aumentar, aínda máis, a superficie ocupada por eucalipto, en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos”.
“Para a plataforma - engade a portavoz municipal - este plan non fai máis que agravar a situación actual, que o propio goberno galego recoñeceu co anuncio da moratoria para prohibir máis plantacións de eucaliptos, por iso demanda, con esta acción descentralizada que se desenvolverá en 22 localidades galegas, a devolución do novo Plan Forestal Galego ao Consello Forestal para realizar unha nova redacción axeitada ás necesidades do país e na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e co medio rural”.