Carriola.Redacción. 22.02.25
julio@carriola.es
ROSALIA E A DIGNIDADE

Aarón Franco
Cando se achega o 23 de febreiro, Galicia enteira volve lembrar a Rosalía de Castro, a poeta que fixo do noso idioma un berro de dignidade fronte ao esquecemento e a opresión. A súa voz, que emerxía desde as marxes da historia, fíxose inmensa, tan inmensa como a nosa terra, e segue a alumearnos na escuridade dun presente no que o galego, unha vez máis, sofre un ataque brutal por parte dos poderes institucionais que deberan protexelo.
Este domingo 23 de febreiro non é soamente un día de lembranza para Rosalía, senón tamén unha xornada de loita. En Compostela, a cidadanía galega está chamada a defender a súa lingua fronte a un goberno da Xunta que, baixo a aparencia de normalidade, aplica unha política lingüística de exterminio. Os datos son demoledores: o galego esmorece entre a mocidade, expúlsase da educación, relega a súa presenza nos medios de comunicación e é sistematicamente ignorado nas administracións. O plan é claro: reducir o galego a un vestixio folclórico sen futuro, un recordo dunha Galicia que queren que desapareza. O Partido Popular, na súa longa estratexia de desmantelamento do galego, non só mantén o infame decreto do plurilingüsimo, senón que, con cada nova lei e regulamento, afonda na marxinación da nosa lingua. A escola, que debería ser o espazo natural de aprendizaxe e normalización, converteuse nun campo de batalla onde o galego perde por decreto.
Se Rosalía vivise hoxe, escribiría con raiba e dor sobre esta realidade. Falaría das crianzas que xa non poden vivir en galego porque a súa lingua foi arrinconada a un espazo exótico. Unha realidade que xa intuía cando se rebelaba contra os prexuízos de quen desprezaba a lingua do pobo, cando denunciaba a miseria da emigración forzosa e a submisión a un poder alleo que condenaba o noso país á irrelevancia. A súa obra, lonxe de ser unha peza de museo, é un manifesto vixente que nos interpela directamente: que estades facendo coa nosa fala, coa nosa identidade?
As agresións da Xunta contra o galego non son froito da ignorancia, senón dunha estratexia deliberada. O goberno de Alfonso Rueda e do PP non pode admitir que o galego é unha lingua subordinada porque iso obrigaría a actuar en consecuencia e tomar medidas reais para a súa protección. Prefiren, pois, disfrazar a destrución da lingua con discursos baleiros sobre o "bilingüismo harmónico" e a "liberdade lingüística", termos que non son máis ca eufemismos para unha asimilación progresiva ao castelán.
Non se trata só dunha cuestión de lingua. A destrución do galego forma parte dun proxecto máis amplo de desarticulación cultural, social e económica. Un proxecto que empobrece a nosa terra, que converte a Galicia nun espazo periférico sen capacidade de decidir sobre o seu propio futuro. O galego non é só unha ferramenta de comunicación, senón o alicerce dunha identidade colectiva que, cando se debilita, abre a porta á dependencia e á submisión.
Por iso, este 23 de febreiro, non abonda con lembrar a Rosalía con actos institucionais baleiros e con flores que murchan. Honrar a Rosalía é erguerse en defensa da súa lingua, a nosa, e encher as rúas de Compostela para berrar contra a política lingüicida do goberno de Rueda. Honrar a Rosalía é defender o noso dereito a existir como pobo, con dignidade e con futuro.