Lapetit
The current Bet365 opening offer for new customers is market-leading bet365 mobile app You can get a free bet right now when you open an account.

No adeus de Katsumi: un pai, un amigo...un home bo

Carriola. Juan José Esperón Recarey. 07.05.25

julio@carriola.es

Hoxe tócame escribir co corazón na man, cun nó na gorxa e a emoción aínda á flor de pel, porque un amigo de toda unha vida marchou. Katsumi Yamaguchi, "Yama", como con tanto agarimo o chamabamos, emprendeu a súa última viaxe.

Coñecémonos no ano 1976, en Confecciones Peral, cando comezou a traballar como escaparatista. Era un home cheo de ideas, con unha enerxía especial e unha forma de estar que conquistaba. Aquel foi o comezo dunha amizade que, malia os anos e as distancias, nunca se rompeu. Porque hai amizades que non precisan verse a diario para seguir vivas, e a nosa foi unha delas.

Ao longo da súa vida profesional, Yama cambiou de rumbo, medrou, creou a súa propia empresa... e eu, dende a distancia, sempre sentín orgullo de ver o camiño que ía facendo aquel compañeiro de outrora. Pero por riba de todo iso, Yama foi un exemplo como persoa e como pai.

Enviuvou moi novo, e tivo que sacar adiante el só aos seus dous fillos. E fíxoo con amor, con dedicación, con esforzo, sen perder nunca a tenrura. Iso puiden comprobalo nos seus últimos días, cando o vin no hospital: aqueles fillos a carón del, coidándoo, acompañándoo, querendo devolver todo o que el lles dera.

O 27 de abril recibín unha chamada que me encolleu o peito. Chamábame a miña afillada Iría, quería darme un recado, era do Hospital Provincial de Pontevedra: Yama quería verme. Fun axiña, sen dubidalo. Ao entrar na habitación de coidados paliativos, vin a Yama na cama, cos ollos pechados, a respiración profunda. Estaba acompañado do seu fillo, e tamén dun mozo e unha moza que o coidaban con agarimo. Achegueime, collinlle a man esquerda. O seu fillo achegouse e díxolle: Papá! Papá! Coñéce-lo? Sabes quen é? Yama abriu os ollos, miroume... e asintiu. Coñeceume. A súa man apertou forte a miña, e así, sen soltarma, pasamos dúas horas xuntos. Non fixo falta falar. Bastou o xesto, a mirada, a conexión.

Volvín o 4 de maio. O seu estado xa era moito máis delicado. Colleume de novo a man, miroume... pero ese día non me recoñeceu. E aínda así, Yama seguía sendo el. Tiña unha única obsesión: que os seus fillos e as súas parellas se bicasen, que se abrazasen. Cada vez que o facían, el facía coa man o xesto de "OK", como dicindo: "Así si, así quero velos". Era a súa maneira de marchar en paz, asegurándose de que o amor seguía, que a unión entre os seus era forte.

Aquela imaxe quedará gravada en min para sempre. Mesmo cando a dor o vencía, el pedía amor. Amor entre os seus, amor na súa despedida. Iso era Yama. Un pai, un amigo, un home bo.

E o día 6 de maio, ás 19:37, recibín a mensaxe do seu fillo KatYama marchara.

Hoxe só me queda agradecerlle a súa amizade, o exemplo da súa vida, a súa forza, o seu sorriso e aquela man que apertou a miña na súa despedida. Marchas, Yama, pero quedas en nós. No que deixaches. No que sementaches.

Grazas, amigo. Grazas por tanto. Que a terra che sexa leve.

 

roslev