Lapetit
The current Bet365 opening offer for new customers is market-leading bet365 mobile app You can get a free bet right now when you open an account.

CARRIOLA DA OPINIÓN: Respondendo ás críticas do BNG

Carriola.Redacción. 12.05.25

julio@carriola.es

Fronte á mentira…

Datos, nomes e evidencias de que a nosa lingua foi a protagonista da Vila do Libro

 

Marián Sanmartín 

Imos facer un repaso da primeira edición da Vila do Libro, porque teño a sensación de que algúns que falan de invisibilizar o Día das Letras Galegas non deberon ler o programa en profundidade e, por suposto, tampouco asistiron a absolutamente ningunha das actividades programadas polo seu propio Concello. Así que, vexamos:

           Trece escritores e escritoras galegos que escriben na nosa lingua:

Juan Baquero, Sabela Hermida, Fran Fernández, Tamara Andrés, Irene Alonso, Elena Gallego Abad, Juan Parcero, Silvia Penas, Ismael Ramos, Xosé Iglesias, Irene Rega, Francisco Castro e Nuria Vil. Todos estiveron a fin de semana das Letras Galegas en Marín e, xunto a eles, varios nomes máis de escritores e escritoras galegos, como Manel Loureiro, que ten a súa obra traducida ás nosas letras, ou David Gago, que é escritor local aínda que escriba en castelán.

  • Dez editoriais adicadas á edición e difusión de obras na nosa lingua e a unha libraría de Marín:

As editoriais Aira (Ourense), Alvarellos (Santiago de Compostela), Antela (A Limia), Através (Santiago de Compostela), Cuarto de Inverno (Arzúa), Canela (A Coruña), Elvira (Vigo), Hércules (A Coruña), Patasdepeixe (O Grove) e Rinoceronte (Cangas), conformaron o mercado editorial que estivo aberto mañá e tarde durante toda a fin de semana nas dúas librarías efémeras creadas nos locais recuperados da Rúa Real, o antigo bar As Tres Portiñas e o antigo O Estrobo.

A Libraría Nobel de Marín, ademais de formar parte deste mercado editorial, tamén colocou unha mesa de venda exterior na fachada do seu local na Rúa Jaime Janer e mesas de venda na Alameda cos libros dos escritores que participaban.

  • Cinco actuacións de cantareiras para reivindicar a súa figura e legado, como as homenaxeadas que foron neste 17 de Maio:

As agrupacións de cantareiras de Marín Fentos e Froumas e As Chaneiras actuaron ao longo da fin de semana, achegando a poesía popular oral a toda a cidadanía, sendo dignas herdeiras das Pandeireteiras de Meis, nas que se personalizou a homenaxe do Día das Letras a nivel autonómico. Tamén se incluía na programación a fantástica actuación que ofreceron en conxunto a Banda de Música de Marín e Trompos Os Pés.

A todo isto sumouse, como peche de ouro da Vila do Libro, a actuación das artistas Felisa Segase e Montse Rivera, cofundadoras de Leilía, premio honorífico Martín Códax 2025 da música galega. Esta foi unha das agrupacións de cantareiras máis importantes de Galicia, que recuperou a semente das cantareiras de sempre e que serviron de abono para o éxito de proxectos contemporáneos como o das Tanxugueiras.

Era abondo con coller o programa para darse conta de que a celebración do Día das Letras e a reivindicación da nosa lingua, así como a promoción e a visibilidade dos autores e autoras que crean nela foron protagonistas totais da Vila do Libro.

Pero non me resisto a comentar algunhas das cousas que recolle o BNG no seu comunicado, no que demostran que nada lles vale e que a crítica só ten o obxectivo de danar políticamente, crendo que o galego e a cultura só é unha cousa do BNG. Nada máis lonxe da realidade:

1.- Critica o BNG (sen facer ningunha mención ao resto do extensísimo programa) que unha das actividades foi unha charla sobre a tradución ao catalán e que iso está afastado do propósito de reivindicar a nosa lingua. Non tiña nin idea de que por en valor o oficio da traducción a través da figura dun poeta que quixo levar a literatura galega a un público externo, como foi Josep M. Llompart, era un ataque ao noso idioma. Que llo digan aos tantos e tantos escritores galegos contemporáneos que ven traducidas as súas obras a outros idiomas (especialmente relevante que sexa a outro cooficial). Se iso non é promover a creación literaria en galego e o seu espallamento máis alá das nosas fronteiras… eu xa no sei.

2.- O BNG tamén critica que fora unha entidade catalá a que organizara unha celebración cultural de tanto simbolismo, cando desde o primeiro momento os organizadores contaron con todo o sector literario galego, como ben se reflicte na escolla das editoriais participantes no mercado editorial, nos nomes que conformaron o programa ou na colaboración coa Asociación Galega de Escritores. O proxecto Vila do Libro naceu en Cataluña, pero está facendo o seu propio percorrido en Galicia, tratando de espallar a literatura e a creación local en cada sitio ao que acoden, tal e como aconteceu en Marín.

3.- Ademais, no caso do Día das Letras Galegas, non hai delegación de funcións algunha por parte do Concello, xa que a coordinación e organización do

certame literario, que este ano foi na modalidade de narración curta, está íntegramente xestionado pola Área de Cultura do Concello de Marín.

4.- Sobre as críticas á ambientación é que é mellor ser claros. Foi un dos atractivos indiscutibles da fin de semana, revitalizando enormemente a Rúa Real con motivos literarios de todo tipo e centrados en caras e obras galegas e contando coa total colaboración do comercio da rúa, que tamén se involucrou cos seus escaparates.

5.- E, finalmente, sobre a axuda de ENCE, recordarlle ao BNG que existe un Plan Social a disposición da cidadanía, de asociacións de todo tipo, de empresas… que apoia iniciativas medio ambientais, sociais, deportivas e, por suposto, culturais, como é a Vila do Libro.

Así que, sempre estamos abertos a recibir críticas e aportacións constructivas. A lingua e a cultura é cousa de todos e todas, non é algo partidista. E de feito, desde o Goberno local analizamos as fortalezas e debilidades dunha primeira edición, que aspiramos a mellorar naquilo que sexa posible. Pero terxiversar desta maneira as intencións do evento, dicindo que pretende invisibilizar o galego cando foi todo o contrario, non o podemos aturar.

Celebramos o Día das Letras Galegas con intensidade neste 2025 e así o seguiremos facendo en 2026, apostando por programar un evento de 12 horas seguidas diarias de literatura na rúa. Pese a quen lle pese.

(*) Marián Sanmartín, concelleira de Cultura do Concello de Marín

 

roslev