Carriola.Redacción 22.06.25
julio@carriola.es
Todo preparado para o arranque do segundo festival do cine do mar que organiza o Museo do Mar de Marín coa inauguración que terá lugar o día 24 ás 19:30 h, coa proxección do filme Prefiro condenarme, de Margarita Ledo, acto no que se lle concederá á esta cineasta o Premio Honorífico Luz de Faro, no Cine Seixo, o máis antigo en activo de Galicia.
Margarita Ledo Andión (catedrática de Comunicación Audiovisual, escritora, investigadora e cineasta) é unha das figuras máis relevantes das cultura galega das últimas décadas. Entre os seus filmes figuran títulos como Santa Liberdade (2004), Liste, pronunciado Líster (2007), A cicatriz branca (2012), Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra (2016), Nación (2020) ou

Prefiro condenarme (2024). Entre os premios recibidos como cineasta destacan o Premio Nacional de Cine e Audiovisual da Cultura Galega en 2008, o Premio Otero Pedrayo en 2017, o Premio Cineuropa en 2020, o Premio Mulleres en Foco da Deputación de Pontevedra e a asociación CIMA en 2021, o Premio de Honra Fernando Rey dos Mestre Mateo en 2022 e o Premio Pedigrí do Festival de Cans en 2022. A súa película Nación recibíu o Premio á Mellor Dirección de Película Española no Festival de Sevilla 2020 e o Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental en 2021.
Unha semana cargada de actividades
Desde o Museo do Mar de Marín faise unha invitación a asistencia a esta inauguración no Cine Seixo, para arroupar a Ledo, e animamos a todo o público da vila e da comarca a participar no festival, xa que dentro da súa variada programación, hai filmes e actividades para todos os gustos".
Proxectaranse un total de 36 obras audiovisuais de diferentes nacionalidades e dos máis diversos enfoques, pero co mar como elemento común, dentro das diferentes seccións oficiais e paralelas.
E entre as actividades, destacan a Xuntanza mariñeira, a viaxe á Illa de Tambo, un showcooking, tres exposicións ou as mesas redondas.