Carriola.Cámara 27.06.25
julio@carriola.es
“Chelito” é unha curta documental que conta a vida e peripecias dunha muller peixeira da Coruña. Participa na sección oficial do festival e proxéctase este venres a partir das 19.10 na Biblioteca Pública Vidal Pazos

Carlos Prado Pampín
Con 16 anos, Chelito tivo unha filla. Así, sendo unha adolescente e nai solteira, non lle quedou outra que deixar o instituto, abandonar o seu soño de ser perruqueira nun salón de beleza da Coruña e traballar coa súa nai para sacar adiante á nena. Pero o que Chelito non sospeitaba era descubrir a auténtica paixón da súa vida, ser peixeira. O que comezou sendo unha labor para ter cartos, axudando á súa nai a vender o peixe, converteríase no motor que Chelito arrinca tódolos días ás 4 da mañá para ser unha das peixeiras mas famosas e carismáticas de toda a cidade herculina.
Este é o argumento da curtametraxe documental "Chelito", do realizador audiovisual e xornalista de Mogor, Carlos Prado Pampín. "Chelito" estrease no II festival Cine do Mar de Marín e participa na sección oficial do mesmo, optando aos premios da Sardiña de Ouro, outorgado polo xurado e ao Polbo de Ouro, polas votacións do público. A súa proxección terá lugar este venres a partires das 19.10 dentro do segundo día de visionado das dez obras audiovisuais finalistas.
"Chelito" foi gravada na cidade da Coruña e percorre un día na vida desta peixeira, dende que se ergue ás 4 da mañá para ir á poxa da lonxa coruñesa, ata que chega á súa casa e aínda ten que facer toda a contabilidade do día. Un traballo duro pero que supón para Chelito a paixón que move a súa vida. Nesta curta documental, Prado Pampín, tamén amosa os momentos de lecer e camaradería entre as peixeiras; a poxa a viva voz que aínda ten lugar na lonxa da Coruña; o carácter de Chelito para "pelexar" por as mellores pezas de peixe; ou como mudou a maneira de traballar nunha praza de abastos nos últimos anos
