Carriola.Cons.Med.Amb,(R) 30.06.25
julio@carriola.es
Por noveno ano consecutivo, a dirección do Parque Nacional, en colaboración coa Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía, organiza accións de dinamización abertas á participación de adultos e nenos nos catro arquipélagos.A programación comeza o 1 de xullo e estenderase ata a primeira fin de semana de setembro, incluíndo intervencións diúrnas e nocturnas que buscan introducir aos visitantes na exploración de estrelas, meteoritos e outros corpos celestes. Durante as actividades, que se farán ao aire libre e estarán suxeitas a posibles cambios polas condicións meteorolóxicas, porase á disposición das persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos
O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrece este verán unha completa programación de actividades astronómicas co obxectivo de diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os seus visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais, como é o ceo.
Por noveno ano consecutivo, a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) dirixirá e coordinará as accións de dinamización previstas para difundir os valores que desde 2016 acreditan este espazo como destino turístico Starlight, unha programación que arrancará o martes, 1 de xullo, e se prolongará ata a primeira fin de semana de setembro. Para logralo, Fegar contará coa colaboración e apoio loxístico do persoal do Parque Nacional no desenvolvemento das actividades, que serán gratuítas e van dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.
Os destinos que contan con este selo —avalado pola Unesco, apoiado pola Unión Astronómica Internacional, a Organización Mundial de Turismo e outorgado pola Fundación Starlight— son lugares visitables que gozan de condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, resultan moi axeitados para as actividades turísticas centradas neste recurso.
Neste sentido, a programación astronómica prevista nas Illas Atlánticas inclúe observacións tanto diúrnas como nocturnas durante as que se porá á disposición das persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos.
En concreto, durante a quenda de mañá as accións levaranse a cabo entre as 13,30 e as 14,00 horas e centraranse na observación solar co fin de achegar aos asistentes ao seu funcionamento interno e á importancia que ten na meteoroloxía planetaria así como a súa estreita relación co ciclo da vida terrestre.
A observación astronómica en sentido estrito desenvolverase polas noites, de 23,30 a 01,30 horas, con charlas a cargo de expertos nas que se afondará nos veciños estelares máis próximos, nos calendarios astronómicos que empregaban as civilizacións antigas ou na información que nos aporta a luz que achegan.
Corpos celestes
Adicionalmente, tamén se realizarán unha serie de actividades de exploración de corpos celestes dirixidas a nenos así como de observación de meteoritos, incluíndo a chuvia de estrelas fugaces das Perseidas de agosto —cuxo pico máximo se agarda entre os días 9 e 12— e para as que están programadas actividades simultáneas en Cíes e en Ons.
A programación chegará aos catro arquipélagos aínda que a oferta concentrarase en Cíes, onde se realizarán actividades do 1 ao 31 de agosto e o 6 e 7 de setembro, e en Ons, con quendas diarias durante todo o mes de xullo, e do 9 ao 12 de agosto. As accións en Cortegada e en Sálvora serán puntuais, con dúas charlas o 2 e o 8 de agosto, no primeiro caso, e unha prevista para o sábado 16 de agosto no segundo.
Inscripcións
Os interesados en participar nalgunha destas actividades gratuítas deberán inscribirse previamente nas casetas de información das illas e os grupos organizaranse in situ, dependendo sempre das condicións meteorolóxicas, polo que o calendario previsto pode ser susceptible de sufrir alteracións que serán previamente comunicadas.
Destino Starlight desde 2016
Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é destino Starlight desde o ano 2016, de aí a importancia de actividades coma estas, que buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e promover a observación das estrelas desde as illas.
Ademais, a finais de 2015 tamén recibiu a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo cunha actividade turística de calidade. As accións de observación e divulgación astronómica programadas para xullo, agosto e setembro enmárcanse nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do parque, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais.