Carriola.Lucia Santos Omil 06.07.25
julio@carriola.es
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levará ao Pleno Municipal do vindeiro xoves 10 de xullo unha moción na que solicita a convocatoria do Consello Escolar Municipal ao comezo do curso académico. Este órgano, que leva sen reunirse desde abril de 2022, é a principal ferramenta de participación democrática da comunidade educativa a nivel local.
É inxustificable que o Consello Escolar Municipal leve máis de dous anos sen convocarse. O goberno local non pode seguir ignorando as necesidades dos centros educativos públicos nin da comunidade escolar de Marín”.
O Consello Escolar Municipal está formado por representantes dos centros escolares, ANPAS, alumnado e representantes institucionais, e cumpre unha función clave como espazo de diálogo e planificación educativa polo que é fundamental restablecer esta canle de comunicación para coñecer a realidade de cada centro con datos concretos e trazar estratexias que poñan en valor a escola pública.
Actualmente, Marín conta con 13 centros educativos —11 públicos e 2 concertados—, mais nos últimos cursos rexistrouse un descenso continuado nas matrículas dos centros públicos, especialmente nos ciclos de infantil e primaria. Para o BNG, esta tendencia require unha resposta institucional clara e firme.
Desde o BNG lembramos que hai apenas tres anos pechou o colexio Nosa Señora do Carme, un feito que consideramos un precedente que non pode repetirse. Por iso, facemos un chamamento ao goberno municipal para que deixe de dar as costas á educación pública e se poña a traballar con responsabilidade e vontade política real.
Lucia santos Omil é a Portavoz do Grupo Municipal do BNG.