Carriola.Club Audiovisual MdC 11.07.25
julio@carriola.es
O Marín de Cine – Club Audiovisual homenaxeará nesta edición a unha das grandes figuras da escena galega: a actriz Mabel Rivera, cunha traxectoria exemplar que abrangue máis de catro décadas no teatro, cine e televisión. Recoñecida por papeis memorables en series como Pratos combinados ou películas como Mar adentro que ll valeu para obter o Goya á mellor actriz de reparto. Rivera representa unha xeración de artistas que asentaron os cimentos do audiovisual galego actual.
A homenaxe, que terá lugar en Marín o día 23 de agosto, inclúe, ademais, a proxección do documental “Altri Non, a batalla definitiva”, no que a propia Mabel Rivera participa como produtora executiva e narradora. A peza, que denuncia o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, será presentada pola actriz nun coloquio posterior, acompañado de charlas informativas e outras actividades que a organización irá anunciando a medida que se acheguen as datas do certame.
Como subliña Dani Antelo, organizador da Mostra “este recoñecemento vai máis alá dunha figura artística; Para nós, Mabel representa o compromiso con Galicia. A súa implicación nesta edición non se limita a recoller un premio: participa activamente na defensa do territorio e un modelo respetuoso coa forma de vida das xentes do país. Eu son neto de labregos, sei ben o que se reivindica no documental”.
Neste contexto, Marín de Cine quere facer pública a súa decisión de non aceptar fondos procedentes do chamado Plan ENCE, malia que desde o Concello se lles ten ofrecido a posibilidade de acollerse a este tipo de axudas para sufragar os gastos do certame, que non quedan totalmente cubertos co patrocinio municipal. “Desde o Club Audiovisual non se cuestiona que outras entidades locais opten por este financiamento, pero nós preferimos manter a coherencia coa nosa programación”, dixo Antelo.
Ciclo Mestre Mateo
Esta edición ven reforzada grazas ao acordo entre o Concello de Marín e o MAC MARÍN para acoller o Ciclo Mestre Mateo, un proxecto impulsado pola Academia Galega do Audiovisual, que ten por obxectivo ofrecer á cidadanía unha programación audiovisual de calidade e produción galega. Neste sentido, unha parte significativa das longametraxes e curtametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo 2024 serán proxectados dentro da Mostra. Esta colaboración permitirá achegar ó público marinense títulos como a longametraxe de ficción “As Neves” dirixida por Sonia Méndez, a longametraxe documental “Salvaxe” dirixida por Emilio Fonseca ou a curta de animación “Eu vou comigo” dirixida por Chelo Loureiro, entre outras pezas.
Do 20 ao 23 de agosto
O programa completo de actividades, que se celebrará os días 20, 21, 22 e 23 de agosto, será presentado oficialmente ante os medios de comunicación unha vez rematadas as Festas do Carme, acto que contará coa participación de Itziar Álvarez, concelleira responsable do Museo Torres, xunto ao equipo organizador, Marín de Cine.
Cabe destacar, que este ano o certame desenvolverase nun marco no que MAC MARÍN participa por primeira vez nun circuíto internacional de festivais, o que converte esta Mostra nun espazo de visualización de novos creadores e creadoras galegas cara o exterior
Para máis información ou solicitudes de prensa, está dispoñible o correo electrónico info@mac-marin.com.