Carriola.Redacción 13.07.25
julio@carriola.es
Leonor e outros contos de terror

Aarón Franco
Hai que ver o ben que vivimos en Galiza, amigos e amigas. Aquí non hai emigración, nin paro, nin precariedade, nin listas de agarda. Aquí só hai fartura: traballo, pan, teito e sobre todo ouro. Tanto ouro que mesmo agasallamos medallas coma quen reparte caramelos naporta dunha escola.
A última en levar unha medalliña da nosa “benquerida” Xunta foi Leonor de Borbón, a mesma que leva media vida preparándose para vivir ás nosas costas, con ese esforzo titánico que consiste en que lle aprendan a saudar ben e a non dicir “hostia” en público.
A Xunta, sempre tan atenta cos que o precisan, decidiu concederlle a Medalla de Galicia, a máis alta distinción que se pode outorgar neste país.
Que mérito fixo Leonor? Preguntarás ti, despistado cidadán galego. Pois moi sinxelo: foi o espermatozoide máis rápido e naceu. E logo pasou os anos aprendendo idiomas (ou intentándoo) e facendo como que estuda para un día reinar, ese oficio tan sacrificado que consiste en saír nos xornais vestida de Zara e ler discursos escritos por outros, mentres a plebe aplaude e lle fai fotos.
Pero non quedou aí a cousa. Marín, ese recuncho mariñeiro onde o pouco mar que queda aínda cheira a salitre, decidiu non quedar atrás. O noso concello, nun acto de valentía institucional sen precedentes, nomeouna Filla Predilecta. De Marín! cos votos a favor de PP e PSOE, ou PSOE e PP, tanto ten, como Isabel e Fernando.
De súpeto, Leonor, que non sabe situar Marín nin cun GPS de última xeración, vai ser veciña ilustre. A mesma Leonor que nunca pescou unha xarda na ría, que nunca bailou unha muñeira na praza do Reloxo, nin pediu un ribeiro no Cantodarea, vai ser oficialmente “filla predilecta”.
Diante de tal esperpento institucional, un pensa se non sería máis práctico declarar tamén a Felipe VI patrón da Festa Corsaria e a Letizia raíña das Festas do Carme. Total, que máis dá? Xa que regalamos distincións con tal alegría podemos seguir dándolle ao carrete.
O máis triste non é o ridículo, que tamén, é o feito de que detrás destas medallas agóchase un concepto de país que nada ten que ver con Galiza. É o concepto dos que queren que Galiza sexa a do “si, señora”, a Galiza dos caciques con bandeiriña española no balcón e misa de 12 na igrexa da patroa. Os que queren unha Galiza que agoche a cabeza e ofreza marisco ás visitas reais, mentres lle pecha a porta á xente do común que marcha na procura dun futuro mellor.
No caso de Marín, está tamén o conto da Escola Naval, que as testas coroadas visitan cada verán para seguir vendendo a mentira de que Galiza adora á monarquía. Mentira!Non importa que boa parte da vila non saiba ben por que lle dan a medalla, ou que Cantodarea leve décadas esquecida, ou que o mar sexa un recordo do pasado porque hai que saltar valos para ollalo. Aquí só importa o postureo de boato, bandeirón e fotos coas Forzas Armadas.
Pero tranquilos, que todo isto ten unha parte boa: ao paso que imos, pronto haberá que ampliar o rueiro. Haberá que lle pór unha praciña a Leonor ou, mellor, un parque infantil con forma de trono, para que os nenos aprendan a quen lle deben obediencia, antes de emigrar a Dublín ou Berlín.
Mentres tanto, o país segue esfarelándose, entre alcaldes entregados ao vello réxime e a un goberno autonómico que confunde o bo goberno cunha subasta de dignidade.
Pero non pasa nada, que agora xa podemos durmir tranquilos. Marín ten unha filla predilecta e Galiza unha “Borbona” de ouro.