Carriola.E.F. O Areeiro 20.07.25
julio@carriola.es
A Deputación de Pontevedra, a través do novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, alerta que a baixada das temperaturas e as choivas desta fin de semana poden impulsar o desenvolvemento de novas infeccións de mildio e oídio ou reactivar as que se atopan controladas.
Neste momento no que os acios aínda non entraron na fase de pintado e que existen esporanxios no ambiente, ante calquera síntoma é convinte aplicar funxicidas para evitar a redución dunha colleita que se prevé moi boa.

O persoal de Areeiro segue a notar un bo desenvolvemento das uvas, de xeito que algúns acios de variedades tintas comezan o pintado e algúns grans de acios dunha variedade branca temperá, expostos á luz solar, amosan xa brillo. Con todo e ante esta climatoloxía, aconsella manter a vixilancia, pois un ataque mal controlado implicaría tamén a rotura da pel dos grans e a entrada de botrite. Tamén continúan aparecendo plantas que manifestan síntomas de patóxenos da madeira debido ás pasadas temperaturas extremadas, que é necesario marcar para observar a súa evolución ou eliminalas se están moi afectadas para evitar que sexan fonte de contaminación. No relativo ao black rot, a previsión é máis positiva e non existe presenza da enfermidade, polo que neste período da campaña xa non debería causar danos nas viñas.
Avelaíñas do acio e outros perigos
Por outra banda, no caso das avelaíñas do acio, as capturas de machos de Lobesia botrana seguen sendo moi escasas. Máis notable é a incidencia de acariose nos predios, que nunha fase máis inicial do ataque os seus síntomas poden ser confundidos cos de trips ou con algunhas viroses, así que é preciso prestar moita atención ante calquera cambio. En canto aos cicadelidos, estamos xa dentro do período para aplicar o segundo tratamento obrigatorio dentro do plan de control e erradicación da flavescencia dourada. Tamén é imprescindible destruír, canto antes, todas as plantas confirmadas como positivas e sintomáticas.
Vixiancia na nogueira, froteiras e da procesionaria do pino
O aviso fitosanitario inclúe así mesmo observacións sobre a nogueira, xa que se capturaron os primeiros adultos de mosca da casca, rhagoletis completa, que pode levar á perda da colleita. Para o control desta praga, ademais das trampas de feromonas de seguimento, e aconsellable eliminar as noces caídas e estender no terreo baixo a copa unha lona tupida que impida que as larvas se enterren no solo para pasar o inverno. Así mesmo, atopáronse parásitos animais e fungos de podremia en varias froiteiras, recomendando a retirada dos exemplares danados,

e o primeiro exemplar de procesionaria no caso do piñeiro.