Carriola.Lucía Santos Omil (*).21.08.25
julio@carriola.es
As supostas melloras do equipamento técnico son unha duplicación de gasto polo que reclamamos que o PP detalle, na próxima comisión de urbanismo, en que consisten os máis de 300.000 euros licitados

Lucia Santos Omil
O BNG de Marín denunciou no pleno municipal do pasado xoves 14 de agosto que o goberno local do PP volve atrasar a finalización das obras do centro cultural ao aprobar en solitario unha nova ampliación do prazo de execución por tres meses máis. Non é a primeira vez que se recorre a esta fórmula, xa que no mes de maio o PP aprobara unha primeira prórroga que situaba a data de remate no 19 de agosto. Con esta nova modificación, o executivo municipal fixa agora a finalización no mes de decembro.
Durante o debate plenario, o BNG puxo o foco tamén na dotación do equipamento técnico do centro cultural. Segundo fixo público o propio goberno municipal mediante nota de prensa, o Concello presentou a licitación para o equipamento escénico e técnico por un importe de 336.783 euros, dos cales 250.000 proceden dunha subvención da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude. A alcaldesa, María Ramallo, defendeu que esta licitación serviría para mellorar o equipamento previsto no proxecto de construción.
Porén, advertimos de que esa mellora non se corresponde coa realidade pois, na memoria xustificativa da contratación, non se aprecian novos elementos, senón que se reproducen exactamente as mesmas partidas xa incluídas no proxecto inicial, con conceptos e características similares. O que se nos presentaba como unha mellora é en realidade unha duplicación de gasto: véndese como novo o que xa estaba previsto e aprobado.
Desde o BNG lembramos, ademais, que xa en febreiro instaramos ao goberno local a presentar solicitudes ás subvencións dispoñibles da Xunta e da Deputación para garantir que o centro cultural contase cun sistema de proxección audiovisual. Para a formación nacionalista, trátase dun equipamento imprescindible para que o centro poida acoller a exhibición de contidos audiovisuais. Sen embargo, esta demanda non aparece recollida na licitación actual, o que resulta para nos sorprendente e incomprensible .
O lóxico sería que unha tramitación adicional servise para incorporar elementos novos como o audiovisual ou a mellora dalgunha partida concreta. Mais non é o caso: o PP presenta unha licitación de máis de 300.000 euros que repite partidas xa incluídas”.
Por todo isto, o BNG reclamou que na próxima comisión informativa de Urbanismo o goberno do PP detalle con transparencia en que consisten esas supostas melloras, por que se financian con máis de 300.000 euros públicos e cal será a repercusión económica real para o Concello de Marín.
(*) Lucía Santos Omil é a Portavoz do Grupo Municipal do BNG.