Carriola.Lucia Santos Omil (*).25.08.25
julio@carriola.es
O BNG manifesta a súa fonda preocupación e denuncia pública pola actitude do goberno municipal do PP, que o pasado 22 de agosto promoveu nas redes sociais institucionais —ligadas á área de turismo— as churrascadas no Lago de Castiñeiras. A polémica xorde porque, nesa mesma xornada, segundo recollían oficialmente as institucións a través do Índice de Risco Diario de Incendios Forestais (IRDI) da Xunta de Galiza, o nivel de perigo situábase en alto, coincidindo cunha vaga de lumes que afectaba á contorna e con focos activos en concellos limítrofes como Vilaboa.
Os asadores do Lago de Castiñeiras son instalacións homologadas, mais isto non implica que se poidan empregar en calquera circunstancia. Segundo a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais de Galiza, cando o risco é moi alto ou extremo queda prohibido o uso do lume en áreas recreativas, e mesmo en situación de risco alto, como a que se rexistraba ese día, resulta obrigatorio extremar as precaucións e limitar este tipo de prácticas. De feito, en concellos próximos como Vilaboa, onde tamén existen asadores homologados, procedeuse ao seu precintado preventivo, mentres que en Marín o goberno local optou por promocionar churrascadas.

Non é de recibo que, mentres a veciñanza contempla con preocupación como arden os montes da contorna, o Concello de Marín opte por difundir nas súas redes sociais actividades que implican lume nun espazo natural de alto valor. O que toca nestes momentos é reforzar a prevención, extremar as precaucións e transmitir mensaxes de responsabilidade colectiva, nunca incentivar prácticas que poidan incrementar o risco.
A incoherencia do executivo local, por unha banda decidiu suprimir os tradicionais fogos de Loira e promove campañas de concienciación para que a cidadanía adopte medidas de prevención fronte aos incendios, e pola outra difunde actividades turísticas baseadas no uso de lume en zonas forestais. Esta dobre mensaxe, ademais de confusa, é irresponsable, porque compromete a credibilidade das propias campañas institucionais”.
O que pedimos é, simplemente, sentido común e responsabilidade institucional. O Lago de Castiñeiras é un espazo natural de alto valor ecolóxico e social, que merece ser protexido, non exposto a novos riscos nun momento de máxima alerta”.
En definitiva, a seguridade da veciñanza e a protección do patrimonio natural deben prevalecer sempre por riba de calquera iniciativa de promoción turística. Un goberno municipal debe actuar con responsabilidade, rigor e prudencia, e neste caso o Concello de Marín non estivo á altura das circunstancias..
(*) Lucía Santos Omil é a Portavoz do Grupo Municipal do BNG.