Carriola.Almuinha.11.09.25
Este venres, 12 de setembro, ás 20:00 horas, terá lugar no Museo Municipal Manuel Torres (Marín) a presentación da última obra do profesor e filólogo galego Carlos Callón, titulada Vidas e historias LGBT da Idade Media, cita cultural organizada pola Asociación cultural Almuinha que promete afondar en novas sensibilidades sobre a diversidade en épocas históricas, contribuíndo ao debate público e ao recoñecemento dunha historia habitualmente invisible.
Carlos Callón (Ribeira, 1976), profesor de Filoloxía e premiado ensaísta, recupera desta vez, tras acadar o XVI Premio Vicente Risco en 2011 co seu estudo Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, os fíos documentais e culturais que revelan a presenza e visibilidade das realidades LGBT na Idade Media galega e portuguesa. A obra propón unha revisión radical da idea convencional da Idade Media como unha etapa puritana e aséptica en termos de sexualidade.
Basándose en documentos orixinais, Callón trae á luz testemuños sorprendentes: desde o matrimonio simbólico entre Pedro Díaz e Munio Vandílaz en 1061 —o máis antigo de que se ten constancia na Península—, ata historias de afecto entre mulleres, como Sancha Pérez e María Leve no século XIII compostelán. A obra aborda tamén figuras do santoral LGBT medieval – Paio, Adaúlfo ou as figuras trans de Esmerado e Uxío –, e casos de censura documental, como a modificación de cantigas de amiga entre mulleres .
Un dos eixos centrais do libro é a recuperación do pasado como ferramenta de comprensión do presente. Callón subliña que “o pasado tamén fala do presente, e iso incomoda”, un
principio que guiou o seu interese por rescatar voces e vivencias que fan tambear os marcos tradicionais da historia medieval .
Vidas e historias LGBT da Idade Media, publicado en 2025 pola Editorial Xerais, con formato en papel e dixital , supón unha achega valiosa ao panorama historiográfico galego, ofrecendo unha viaxe que conecta a memoria histórica coa actual procura de visibilidade, igualdade e comprensión.
Desde Almuinha, convidámosvos a compartires este encontro coa cultura e o pensamento: unha oportunidade para reflexionar sobre o significado da diversidade e o poder transformador da historia.
O acto que terá lugar no salón principal do Museo Torres serà mañán día 12 ás oito da tarde.