Carriola.Paz Castro.15.09.25
Paz Castro foi a encargada de ler a semblanza do premio especial “Facendo Historia” o pasado sábado outorgado, a titulo póstumo, a Carlos Paratcha Vázquez e, poo interesante contido da súa referencia ao ilusre mestre marinense reproducimos en Carriola o seu interesante traballo exposto no acto celebrado no concello.
CARLOS PARATCHA “TOCADO POLO MAL DA PEDRA”
Paz Castro
Hai unha certa ironía poética neste encontro arredor dos Premios Facendo Historia 2025 que impulsa Ángel García Carragal, a quen lle agradezo a oportunidade de participar nesta mención especial ao mestre Don Carlos Miguel Antonio Paratcha Vázquez.
Tocada polo “mal da pedra” do que tanto lle falou ao seu alumnado (moito antes de coñecer eu esta expresión e saber da existencia de quen a acuñou), neste mesmo Salón Plenario teño asistido a sesións nas que o legado histórico e cultural que Paratcha contribuíu a descubrir era ignorado e mesmo desprezado. Quizais Don Carlos -que na súa humildade, fuxía de acaparar protagonismo- lle restaría importancia a esta homenaxe. Para min, en cambio, supón un resarcimento.
Foi en 2019 cando decidín dedicarlle as III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián á súa figura que, primeiro na sombra, me acompañou no longo e tortuoso camiño pola defensa do Monte Pornedo, e logo dun xeito consciente, inspiroume a dar un paso máis espallando a riqueza patrimonial da miña parroquia.
Descubrín entón, da man do arqueólogo Antonio de la Peña e do promotor cultural José Casal, a un persoeiro cunha vida fascinante que principiou en marzo de 1900 na casa natal da rúa Vicenti, no seo dunha familia con raigame mariñeira.
Pescudei na súa traxectoria docente para concluír que, tralo seu paso pola Escola Normal de Mestres de Pontevedra a principios da década de 1920, deixou un grato recordo no estudantado que pasou polas súas aulas: en Marín, no colexio masculino católico San Luis de Gonzaga e na Escola do Pósito de Pescadores; na escola de Feás en Calvos de Randín; na escola masculina de Vilar de Infesta en Redondela; na década de 1940 en Moraña, onde permaneceu 22 anos vencellado á escola de Laxe; ata a súa volta a Marín en 1963 para ocupar as aulas do colexio público O Grupo.
Atopei tamén as referencias bibliográficas que dan conta da súa vinculación ao sindicalismo agrario e o rastro infame da represión franquista a través dun “expediente de depuración” atribuído á súa filiación socialista.
E seguindo as súas pegadas no monte, reparei no papel destacado que tivo na descuberta de enclaves singulares do patrimonio prehistórico marinense.
Vai para seis anos, cando se ía cumprir o 120º aniversario do seu nacemento, trasladeille formalmente ao Concello de Marín a proposta de impulsar un recoñecemento público en memoria de Carlos Paratcha. Porque cómpre darlle o lugar que merece na historia local, tanto pola súa dedicación á formación académica de moitos marinenses, como pola súa achega desinteresada para que Marín conte cun amplo e valioso catálogo de bens arqueolóxicos. E porque cómpre retomar os lazos de irmandade co pobo de Moraña, onde tamén foi artífice de grandes achegas á bagaxe patrimonial desta localidade e onde o seu pasamento en novembro de 1974 lamentouse como a perda dun ilustre veciño.
Tan ilustre que o compromiso cultural de Carlos Paratcha -que tamén foi directivo do Ateneo Santa Cecilia- foi aplaudido por coetáneos tan importantes como o historiador marinense Antonio Blanco Freijeiro; quen fora secretario do Museo de Pontevedra, Alfredo García Alén; o investigador Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza; os profesores do Instituto Laboral de Marín Antonio Porta de la Encina e Antonio Vicent Aparici; ou o polígrafo Elixio Rivas...

Grazas ao labor de Don Carlos saíron á luz conxuntos rupestres no Pornedo, en Champás, na Carrasca, na Moreira, na canteira da Laxe, nas Sete Espadas, en Mogor ou no bosque de Cadro, ademais doutros vestixios vencellados ao antigo Priorato. Moitos deses descubrimentos foron documentados polo propio Paratcha a través de fotografías, debuxos e descricións manuscritas; algúns destes materiais forman parte do arquivo do Museo de Pontevedra e outros atópanse -ou atopábanse- entre os fondos da Biblioteca Municipal de Marín. Sen dúbida, urxe a catalogación deses materiais, garantir a súa conservación e poñelos á disposición tanto dos expertos como da veciñanza, dando a coñecer a traxectoria vital e intelectual de Paratcha a través dalgunha iniciativa social, cultural ou educativa.
Os achados de Paratcha foron noticia en xornais como La Noche e El Pueblo Gallego, ademais de quedar recollidos en publicacións especializadas como “Arqueología gallega” e “Adiciones a la Carta Arqueológica de la provincia de Pontevedra” editadas polo Museo de Pontevedra, “Gravados rupestres de la provincia de Pontevedra” publicada pola Fundación Barrié, ou “Cuadernos de Estudios Gallegos” do Consello Superior de Investigacións Científicas.
Pero máis aló do brillo efémero dos titulares ou do eco momentáneo dun aplauso, o que verdadeiramente importa da transcendencia de Carlos Paratcha é que 125 anos despois de inscribir o seu nome na historia, haxa quen sigamos invocando ese bendito “mal da pedra” para camiñar xuntos na procura dun pasado que, segundo el, achegaba “leccións altamente proveitosas” para diversos campos do coñecemento.
Que se recoñeza ese labor seu tan “desinteresado e fecundo que” - en palabras de Antonio de la Peña- “logrou descubrir e dar a coñecer a maior parte das estacións rupestres que hoxe fan de Marín un territorio clave neste fenómeno”.