Carriola.Redacción.16.09.25
Nada doado é atopar cousas nas que estèn dacordo os grupos políticos e goberno e oposición municipal sobre todo en temas de importancia como pode ser o dos incendios forestais que de cando en vez, e este ano foi un claro exemplo. Onte recibimos sendos escritos do BNG e do PP respectivamente nos que os primeiros critican a postura do grupo de goberno que rexeitou a iniciativa nacionalista posta nunha mocion no Pleno, e os segundos aclaran as razóns para elo. E non querendo interferir nos argumentos nin no modo de explicalos, a continuación quedan expostos íntegramente.
En primeiro lugar o escrito de Lucía Santos Omil, voceira municipal do BNG:
O BNG LAMENTA O VETO DO PP A UNHA MOCIÓN SOBRE PREVENCIÓN DE LUMES E XESTIÓN FORESTAL INTEGRAL

Lucía Santos Omil
No pleno do 11 de setembro, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou unha moción solicitando o apoio da corporación municipal para instar á Xunta a actuar fronte á vaga de lumes que, segundo Copernicus, arrasou máis de 143.000 hectáreas -fronte ás 108.411 que recoñeceu a Xunta-. A iniciativa reclamaba medidas para reconstruír as zonas afectadas e transformar o noso territorio nun medio produtivo e seguro. Un desastre que amosa que ningún concello está a salvo desta ameaza: en Marín, sen ir máis lonxe, rexistráronse dous incendios de gran magnitude no Pornedo e no Penizas, que mesmo puxeron en perigo vivendas.
O modelo de loita contra o lume do Partido Popular (PP) volveu evidenciar o seu absoluto fracaso. A ausencia de planificación e prevención, xunto coa falta de recursos eficaces por parte da Xunta, derivou nunha auténtica catástrofe. A xestión caracterizouse pola improvisación e pola carencia de coordinación, deixando a brigadas e concellos en situacións extremadamente adversas e, en moitos casos, completamente desamparados. Esta vaga de lumes ven a evidenciar que o modelo vixente é ineficaz e alleo á realidade do noso País, polo que resulta imprescindible un cambio de rumbo.
O BNG presentou o “Plan da Cinza á Vida”, unha batería de medidas destinadas a reconstruír as zonas devastadas polos incendios e a impulsar accións de prevención que eviten que unha traxedia semellante se repita. Porén, a proposta foi cualificada polo PP como “churreira e oportunista”, en palabras do concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, algo que Lucía Santos, voceira do BNG, lamentou por consideralo unha falta de respecto ao traballo do BNG e unha mostra da insensibilidade do PP fronte ao desastre ambiental, social e económico que representan os lumes forestais.
“Cómpre un cambio de rumbo que poña no centro ás persoas e ao territorio, garantindo que o monte galego deixe de ser un foco de risco para converterse nun espazo de vida, de oportunidades e de futuro para o noso País”.
E a continuación o escrito remitido por Pablo Novas Caballero, concelleiro do Rural no Concello de Marín:
TODO O QUE SÍ FACEMOS POLA PREVENCIÓN DE INCENDIOS: A EXPLICACIÓN DE POR QUE VOTAMOS “NON” NA MOCIÓN DO BNG

Cando só se quere facer política e marcar un posicionamento ideoloxizado, todo é sinxelo. Cóllese un argumentario e preséntase como unha fotocopia en calquera concello.
Iso é o que fixo o BNG coa moción traída ao último Pleno, á que desde o Partido Popular votamos en contra. Eles dirán que é por que non nos interesa a xestión do monte. Bueno, pois nada máis lonxe da realidade. Imos explicamo:
Todos os puntos que se recollían na moción están fóra do ámbito competencial dun Concello. Entendemos que é fácil copiar e pegar, porque se de verdade quixesen abordar este tema dun xeito máis local, teríanse interesado, polo menos, no traballo que levamos desenvolvido aquí nestes últimos anos.
No ano 2011, cando chegamos a gobernar, Marín era un Concello sen ningunha planificación neste sentido, nin sequera nos labores de desbroce que son básicos a nivel público, como é limpar as parcelas de monte público. Por suposto, tampouco había ningún plan de prevención de incendios.
Fumos nós, polo tanto, os que elaboramos o primeiro Plan de Desbroces municipal, que lle permite saber a todos os veciños, sexan da parroquia que sexan, cando se vai a limpar a súa zona (algo que antes incluso facían eles mesmos). Con este plan de desbroce, tamén mantemos todos os montes públicos limpos, porque nós debemos ser os primeiros que deamos exemplo.
A maiores, desde o departamento municipal de Urbanismo, implantamos un procedemento específico para que os veciños puideran notificar incumprimentos da lei de incendios por parte de veciños lindeiros e así resolver de maneira directa a limpeza da maleza nas fincas abandonadas, tramitando ao ano cerca de 200 expedientes.
Desde o 2019, temos asinado un convenio coa Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga co que contamos cun sistema público para a limpeza de biomasa nas franxas secundarias, a gran protección que de verdade funciona para protexer as vivendas en caso de incendio forestal.
Baixo ese convenio, realizouse un importante traballo de inspección das parcelas afectadas polo ámbito das franxa. Así, o pasado ano enviáronse notificacións a 2.700 propietarios de parcelas que presentaban algún incumplimento: tiñan maleza, especies arbóreas non permitidas nestas franxas…
Todo este inxente traballo burocrático realizouse man a man coa veciñanza, os madeireiros, as comunidades de montes… O obxectivo é claro: facer o que de verdade podemos facer dentro das nosas competencias, que é protexer as vivendas.
Agora, estamos focalizados nunha segunda fase para a próxima tempada, que consistirá en consolidar nas faixas plantacións de carballo e castiñeiro, que fan de cortalumes naturais, e promover cultivos de plantacións frutais ou vitícolas, que son os cortalumes históricos.
Sabemos que aínda queda moito por facer e que a xestión do monte é complexa, pero non podemos olvidar que non todos os Concellos traballan esta competencia. E temos o exemplo ben cerquiña. No Morrazo, nin sequera teñen aprobados Plans de Prevención de Incendios, nin en Bueu nin en Cangas, así que esa é a realidade da nosa comarca, que ás veces é bo comparala para darse conta de todo o traballo que se fai desde aquí e o que se seguirá facendo.
Aos lectores de Carriola correspondelles agora xulgar ambas posicións