Carriola.Ateneo S.Cecilia.02.10.25
Mañá venres, 3 de outubro, ás 20:00h, inaugúrase na sala do Ateneo Santa Cecilia a exposición de Pedro Castro Couto, que leva por título: Lendas de Galicia nun acto con entrada de balde ata completar aforo.

“Perico Castro”, como é coñecido no eido artístico, é un pintor e artesán ferrolán cunha ampla traxectoria dedicada á arte. Realiza cursos na escola Mestre Mateo da Coruña, é promotor da reprodución arqueolóxica, expuxo en moitos dos museos de Galicia e noutros de ámbito estatal, etc.
Na súa faceta de pintor, traballa con óleo, acrílico e plumilla, técnica coa que representa con gran detalle igrexas e monumentos galegos. A súa paixón pola historia e a arqueoloxía inflúe nas súas creacións, que reflicten costumes de diferentes épocas, como a cultura castrexa, a clásica greco-romana ou a medieval, sen deixar de lado temas e motivos máis actuais.
Hai uns anos, comezou a pintar cadros cheos de simboloxía, aludindo a lendas e motivos celtas e medievais europeos. As súas obras beben de fontes históricas, pero son totalmente autodidactas. Caracterízanse polas súas cores vivas e por unha perspectiva lograda mediante liñas que, de forma intuitiva, crean unha sensación de profundidade.
A exposición estará aberta ao público do 3 ao 15 de outubro. Poderase visitar de luns a venres, en horario de 18:00 a 20:30 h.