Carriola. Mac Marín, 08.10.25
O club audiovisual Marín de Cine O festival MAC MARÍN, impulsado polo Club Audiovisual Marín de Cine prepárase para revelar a súa nova imaxe antes do 30 de outubro. Será o primeiro adianto dunha quinta edición cargada de significado, onde pasado e futuro se entrelazarán para repensar como miramos, como contamos e como vivimos o audiovisual. Cinco anos despois do seu nacemento, MAC MARÍN alcanza a madurez convertido nun espazo de ideas e experiencias, que acolle a novas creadores, cineastas e artistas visuais que procuran novas formas de narrar o mundo. Obradoiros, proxeccións singulares e encontros con profesionais do sector converteron a Marín de Cine nunha plataforma viva para a creación audiovisual.

Mais esta quinta edición promete algo máis. A organización avanzou que haberá novidades substanciais que reforzarán a aposta do festival polas novas narrativas, desde o cine expandido ata a performance visual, a intelixencia artificial ou os formatos híbridos. Unha edición que non só se verá, senón que se vivirá, convidando ao público a mergullarse en experiencias que transcenden a pantalla. As datas previstas para a súa celebración serán no mes de agosto, como vén sendo habitual, cando Marín se converte nun escenario natural de luz e memoria.
A nova imaxe do festival, aínda en segredo, fará unha homenaxe ao verán marinense, a esa sensación de liberdade e descubrimento que define tanto a infancia como a creación artística. En palabras de Dani Antelo, director da Mostra: “A época máis importante para moitos nenos e nenas que medramos en Marín era o verán, poder gozar da liberdade que ofrecían as vacacións nun lugar tan marabilloso onde podiamos elixir praia ou montaña. Marín é verán e queremos enfatizar esta idea desde o festival.” Por outra banda, desde o clube preténdese continuar traballando co Concello de Marín para que se sume a esta nova etapa que pretende fortalecer a identidade da vila a través do festival. Con este espírito, MAC MARÍN adéntrase no seu quinto capítulo como quen abre un novo relato: coa certeza de que o futuro do audiovisual se escribe aquí, entre a brisa do mar e as luces do proxector