Carriola.Lucía Santos Omil (*).17.10.25
Consideramos positiva a iniciativa anunciada pola Xunta, mais lembramos que Marín leva máis de dúas décadas sen promocións públicas e insistimos en que é preciso compromiso real para facer efectiva a construción das vivendas
Desde o Bloque Nacionalista Galego (BNG) valoramos positivamente o anuncio da Xunta de Galicia sobre o desenvolvemento dun novo ámbito residencial en Raposeiras, que prevé a construción de 400 vivendas, das cales o 80 % serán protexidas, mais lembramos que esta iniciativa chega “tras doce anos de total inacción do goberno local do Partido Popular (PP) nun dos eidos máis importantes para o futuro de Marín: a vivenda”.
Durante este tempo non se promoveu ningunha vivenda pública nin se impulsaron plans de rehabilitación, a pesar de que o municipio conta con preto de cen persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Protección Oficial do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), situándose entre os concellos da provincia de Pontevedra con maior número de solicitudes, e leva máis de dúas décadas sen novas promocións públicas.
Desde o BNG levamos anos advertindo da falta de vivenda en Marín e presentando propostas concretas, como a rehabilitación do edificio de Concepción Arenal 64 para destinalo a vivenda de protección oficial mediante un convenio co IGVS; a elaboración dun Plan Especial de Protección dos Casco Vellos de Marín e Cantodarea, imprescindible para acceder a fondos autonómicos e europeos de rehabilitación; e o desenvolvemento do solo residencial previsto no PXOM, poñendo solo municipal á disposición da administración autonómica.
O proxecto supón “un paso adiante necesario” para dar resposta á crecente demanda de vivenda en Marín, mais é fundamental que non quede en papel mollado e se materialice con feitos e prazos concretos. Lembramos que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Marín, aprobado no ano 2012, xa contemplaba áreas residenciais pendentes de desenvolvemento, como o sector SUNC P-30 de San Pedro, que prevé unha parcela de 5.298 m² para 54 vivendas, aínda sen executar, e lamentamos que en doce anos non se fixese ningún avance nin se establecesen convenios co IGVS para promover vivenda pública.
Para este grupo nacionalista, o anuncio da Xunta é un paso na boa dirección, mais só será efectivo se vai acompañado de planificación, colaboración institucional e vontade política. O BNG comprométese a seguir traballando por un modelo de vila viva e con futuro, que combine a creación de vivenda protexida coa rehabilitación do centro urbano e a posta en valor do patrimonio existente. Agardamos que este proxecto non quede só en titulares, senón que se traduza en oportunidades reais para a veciñanza de Marín.
(*) Lucía Santos Omil é a Portavoz do Grupo Municipal do BNG.