Carriola.Redacción.05.11.25

“Crónica dun incendio anunciado” é o lema das sesións organizadas polo Colectivo Monte Pituco a partir do 14 de novembro.As causas que derivaron nos lumes forestais do pasado verán nos montes veciñais de Marín -7 de xullo no Pornedo e 27 de xullo en Penizas- e a situación das zonas afectadas catro meses despois centrarán as IX Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián que, co lema “Crónica dun incendio anunciado”
Comezarán o venres 14 de novembro cunha charla aberta ao público no Museo Manuel Torres, ás 19:00 horas organizadas polo Colectivo Monte Pituco -co apoio da Rede do Patrimonio Cultural e neste encontro intervirán o vicepresidente da Asociación pola Defensa da Ría, Benito Andrade; a xefa do Departamento de Protección Forestal do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Noela Carrera Pérez; o presidente do Instituto Galego das Terras Comunitarias, Claudio Quintillán; e o voceiro da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Cándido Martínez quen ten denunciado, precisamente, “o exceso de biomasa combustible” nos montes da bisbarra “polo abuso dos monocultivos forestais con especies pirófitas como eucaliptos e piñeiros, ao que se lle suma unha falta xeralizada de silvicultura preventiva e de xestión da biomasa nas redes de faixas, en especial das secundarias e terciarias”.
Analise actual e perspectivas de futuro
Os participantes neste coloquio analizarán, no plano local, a situación do monte antes e despois dos lumes, mais tamén -a nivel xeral- as perspectivas de futuro dos incendios en relación ao Plano Forestal, e mesmo experiencias encamiñadas a minimizar o impacto das lapas. As Xornadas de Patrimonio de San Xián renovan así, un ano máis, o seu compromiso coa defensa e promoción do medio natural e dos bens culturais que atesoura a parroquia: os incendios deste verán non só arrasaron algo máis de dez hectáreas no Pornedo -ou Pituco- e outra hectárea máis en Penizas; tamén afectaron a área de protección de cautela do conxunto rupestre do Pornedo e a área de protección integral dos petróglifos de Sete Camiños.
Ruta e homenaxe

Estes xacementos arqueolóxicos poderanse visitar na ruta de sendeirismo que se celebrará ao día seguinte da charla, o sábado 15 con saída ás 10:00 horas dende a arboreda do Pornedo. A andaina, de dificultade media e con itinerario circular, permitirá coñecer as pésimas condicións de conservación nas que se atopan outros valiosos gravados prehistóricos que, en caso de incendio, poderíanse danar de xeito irreversible.
Esta novena edición das Xornadas concluirá, precisamente, o domingo 16 de novembro, coincidindo co Día Internacional do Patrimonio Mundial. O último acto celebrarase no Carballal a partir das 12:00 horas, ao carón do monumento dedicado ao activista social e cultural

Xan Montenegro, que presidiu a Asociación Veciñal de San Xián. Falecido en xuño de 2011, familiares, amizades e compañeiros de militancia no movemento asociativo reuniranse para honrar a súa memoria e o seu legado a prol da mellora da parroquia, do mantemento das súas tradicións e do coidado do seu patrimonio natural, histórico e etnográfico.