Carriola.Redacción.04.12.25
Presentada por Antón Sobral, co-comisario da Bienal de Pontevedra, e Carmen Hermo, Mañán venres, 5 de decembro, ás 20:00h, terá lugar na sala do Ateneo Santa Cecilia a inauguración da mostra “De PEPITO a MITO. 125 anos de Meijonadas”, a nova exposición do creador pontevedrés, con fortes vínculos marinenses, Mito Meijón.
A mostra reúne obras de distintas series nas que a cor e a colectividade son protagonistas. O cromatismo vibrante que caracteriza os seus cadros é, á vez, unha aposta estética e unha linguaxe que fala de convivencia, vínculos e da necesidade de construír horizontes compartidos.
Pero “De PEPITO a MITO. 125 anos de Meijonadas” non queda no pictórico: é tamén unha experiencia colectiva. A proposta incorpora unha dimensión performativa na que as persoas asistentes se converten en parte activa da obra. A arte expándese así máis alá da sala, transcende os límites do espazo expositivo e convértese en detonante de conversa, escusa para o encontro e catalizador de novas miradas.
“Mito reivindica o tecido social como unha gran obra colectiva. A arte late dentro e fóra da sala, e busca conectar sensibilidades”, sinala o artista que, no fondo, propón entender Marín como un gran museo aberto da obra de Pepe Meijón, a quen a exposición rende tributo.
Mito Meijón, o autor
Mito Meijón, graduado en Economía e en Administración e Dirección de Empresas, conta cun Máster en Dirección Comercial e Marketing, un Máster en Dirección de Recursos Humanos, un MBA e un Máster en Formación do Profesorado. Actualmente está doutorando en análise de xestión sanitaria.
Hoxe compaxina o seu labor docente na Universidade de Santiago de Compostela con colaboracións en medios de comunicación e, sobre todo, coa súa paixón: a pintura.
Desde mañán ata o día 17 de decembro
Os cadros estarán expostos do 5 ao 17 de decembro e poderanse visitar de luns a venres, en horario de 18:00 h a 20:30 h.