Carriola.Iria Aboi Ferradás (*).14.02.26
A Plataforma de veciños de Seixo-Marín, denuncia “esperas de 21 días para unha cita de medicina de familia en Marín e reclaman máis recursos e contratacións para atención primaria porque con cada anuncio do Conselleiro a situación vai a peor,

Iria Aboi
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín, que agrupa a máis de 20 colectivos, vén de denunciar a situación “insostible” que “están a padecer as veciñas e veciños no Centro de Saúde de Marín con esperas que chegan aos 21 días para unha cita co médico ou médica de cabeceira.”
Dende a Plataforma acompañan a denuncia “con datos” afirmando que “en 6 cupos do Centro de Saúde de Marín as esperas dos pacientes van dende os 13 días aos 21 días. Nos cupos da Dra. Mar Novo e no da Dra Sonia Aguiar non hai cita ata o 25 de febreiro. Nos cupos do Dr. Luis Segovia e Dolores Rivas non hai ata o 2 de marzo. No cupo da Dra Patricia López ata o 3 de marzo e no do Dr. Pomares ata o 5 de marzo, o que supón 21 días de agarda Asemesmo, no Centro de Saúde de Marín hai tres médicas de baixa e o Dr. Pomares está pre-xubilado polo que só vén uns días ao mes pasar consulta; o resto deses días son cubertos parcialmente con prolongacións de xornada ou interconsultas. A non substitución destes profesionais está motivando retrasos e que cando fallan as prolongacións de xornada haxa que reprogramar e recolocar os pacientes. Hai algunhas persoas que houbo que chamalas ata tres veces para cambiarlles a súa cita
Como vén sendo habitual, a xestión desta falta de persoal está sendo, bastante deficiente por parte da Xerencia da Área Sanitaria. Faltan recursos e planificación e iso ten consecuencias na sobrecarga do persoal e tamén nos pacientes, especialmente maiores ou con enfermidades crónicas, sen atención durante semanas e sen información de resultados de analíticas, radiografías e teleconsultas con especialistas.
Temos que denunciar a rapidez coa que actúa a xerencia para tentar calar todas as nosas denuncias públicas fronte a pésima planificación da cobertura do persoal no Centro de Saúde de Marín.

No peche do pasado 30 de xaneiro, a dirección do Sr Flores actuou moi lixeira para tentar amedrentarnos, con varias unidades de policía nacional e policía local como se foramos delicuentes e procederon a indentificarme. Pero non son tan rápidos para contratar persoal, poñer recursos e actuar contra o desmantelamento programado da sanidade pública, mentres engordan a sanidade privada.
Reclamamamos unha solución urxente e menos propaganda. Hai tres días o Conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, anunciou con moita pompa a creación de dous grupos de traballo para impulsar unha reforma da atención primaria, despois da que propuxo no outono e foi rexeitada; e de que durante anos houbese 15 grupos de traballo que propuxeron medidas que non se fan públicas. Con cada anuncio do Conselleiro a situación vai a peor porque só é propaganda. O exemplo témolo en Marín e na maioría dos concellos. Pola nosa parte, pouco confiamos nos anuncios, seguirémonos mobilizando porque só así conseguimos cambios para garantir o dereito á saúde de todas e todos.