Carriola.CdM.14.03.26
O Museo Torres acolleu en dúas xornadas sendas mesas de traballo, que forman parte do despregue de participación pública necesario para avanzar na redacción do Plan Especial de Protección para o Casco Vello e o Barrio de Cantodarea
Máis de 50 veciños e veciñas do Casco Vello e do Barrio de Cantodarea participaron activamente nos encontros convocados polo Concello, dentro do proceso de participación pública que se está realizando para dar aportacións á redacción do Plan Especial de Protección para estes dous barrios.
A sesión foi inaugurada polo concelleiro de Urbanismo,

Manuel Santos, que explicou as bases do que é o Plan Especial, “un documento que permitirá definir as liñas urbanísticas e de desenvolvemento urbano dunhas zonas que requiren dunha protección e atención especial, como son o Casco Vello e Cantodarea”.
De seguido, os redactores do Plan fixeron un resumo de cales son as principais tendencias poboacionais e de vivenda nos cascos históricos, non só o de Marín, senón algúns homologables ao noso como o de Betanzos, Noia, Baiona ou Tui.

Intervención dos técnicos
Ademais, expuxeron os obxectivos que se buscan co PEPRI e a importancia de contar “coa opinión de todas as persoas que habitades estas zonas, porque sodes capaces de detectar problemáticas e tendencias que van máis alá dos datos, que están vencelladas ao día a día e que son importantes de cara ao que recolla o plan futuro”.
Intervención dos asistentes
Así, deuse a palabra a veciñanza, que foi expoñendo as principais problemáticas e cuestións de relevancia que notaban tanto en Cantodarea como no Casco Vello, destacando sobre todo as dificultades burocráticas que en xeral teñen os propietarios e interesados en reformar vivendas, cando en moitas ocasións non se corresponde o criterio técnico municipal co de Patrimonio.
Sobre esta cuestión, a alcaldesa, María Ramallo, que tamén asistiu á sesión e que interviu en diversas ocasións, manifestou que parte da finalidade do Plan Especial é “dar maior seguridade xurídica, recollendo con máis concreción do que tiñamos ata agora que se pode facer e que non a nivel urbanístico nestas zonas, para así poder mellorar situacións como as que plantexan os veciños e que é verdade que supoñen unha traba e unha frustración”.
Ademais, xurdiron cuestións relativas a problemas de accesibilidade, mellora da limpeza e da iluminación das rúas, maior dotación de zonas verdes e de esparexemento para a veciñanza (neste senso, saíu o futuro da parcela de Cantodara) e outras cuestións máis concretas e individuais como afectacións por humidades ou polo feísmo que provoca a instalación de subministros, como o eléctrico.
A alcaldesa quixo agradecer enormemente a todas as persoas a súa asistencia, “porque aínda que a participación pública é importante sempre, na redacción deste plan é fundamental, porque se trata de mellorar a regulación que existe e facilitar a vida dos veciños e veciñas que vivides nos nosos barrios singulares e incluso facelos mellores e máis atractivos para aquelas persoas que desexen impulsar neles un proxexto de vida”.
O comercio tamén aporta a súa visión para o Plan
Na segunda sesión celebrouse a mesa técnica coa asociación

Estrela de Marín e varios comerciantes que acudiron á sesión cos técnicos do equipo redactor para contrastar con eles cales son as necesidades que se teñen a nivel de dinamización comercial.
Para iso, os participantes foron enchendo un DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) en relación ao comercio local destas dúas áreas, que precisamente pola súa idiosincrasia urbana propia teñen problemáticas específicas que é preciso recoller no PEPRI.
Cuestións como a mellora das zonas de carga e descarga, a atracción de elementos dinamizadores ás rúas comerciais como é o caso de Rúa da Ponte, a loita contra o feísmo e as problemáticas asociadas ao incivismo de donos de cans foron algunhas das cuestións salientables, así como a importancia do asociacionismo.
Axentes da construción e sector da mobilidade: as seguintes dúas mesas
O próximo luns, celebraranse as dúas últimas mesas de traballo. A primeira delas, ás 09.00 horas (que inicialmente ía ser o venres pero que tivo que pospoñerse por incompatibilidade de axendas), será a dos axentes da construción. O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), as empresas promotoras, as construtoras, as inmobiliarias e a Área de Urbanismo do Concello están convocados a esta sesión para analizar a situación da vivenda no Casco Vello e en Cantodarea.
Ese mesmo día pola tarde, as mesas pecharanse coa de mobilidade, naque participará a Policía Local, os profesionais do transporte público e os taxistas para analizar e validar criterios de seguridade viaria e accesibilidade universal, analizando a viabilidade operativa para servizos de emerxencias e a reorganización dos estacionamentos.