Carriola.Dip.Prov..25.05.26
O persoal técnico do Areeiro destaca tamén que o estado fenolóxico actual fai que as plantas sexan moi sensibles ao oídio ou o black rot e, os técnicos, detectaron síntomas evidentes de patoloxías da madeira e sinalan que as temperaturas altas poden causar estrés ás plantas e a manifestación de máis síntomas
A Deputación de Pontevedra sinala que o tempo maioritariamente seco favorecerá unha adecuada floración e formación da uva albariña, ademais de que fará que os restos das flores se desprendan sen problemas e favorecerá a actividade dos insectos beneficiosos. A meteoroloxía dos pasados días favoreceu que as infeccións de mildio estivesen ben contidas, pero o persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro detectou predios nos que aínda persisten restos non ben controlados das infeccións anteriores, especialmente no Salnés, onde houbo máis horas de humidade foliar nocturna.

Tamén no Salnés se atoparon manchas novas en follas do centro do pampo, mentres que noutras comarcas só se observaron en plantas abandonadas sen tratar.
Debido ás bolsas de aire frío en altura, con choivas, incluso tormentosas e acompañadas de sarabia con temperaturas altas e anormalmente cálidas pola noite, os técnicos recomendan extremar a atención xa que serían condicións moi favorables ao patóxeno e podería haber zonas de avance nas manchas antigas nos acios previamente afectados, ou tamén aparecer novos síntomas especialmente nos predios onde estea próximo a finalizar o período de protección do tratamento anterior. Nestas circunstancias, sería preciso renovalo canto antes. Tamén se recomenda manter ben segada a cuberta vexetal no solo, para garantir a ventilación na súa contorna: non facéndoo favoreceríanse os parasitos causantes de enfermidades.
O traballo de campo do persoal do Areeiro non detectou síntomas de oídio, pero o estado fenolóxico actual fai que a viña sexa moi sensible. A curto e medio prazo, a súa evolución dependerá especialmente do tipo e contía das precipitacións que se dean na fin de semana, xa que as temperaturas non suporán ningunha limitación. Tampouco se atoparon novos síntomas de botrite, que precisa temperaturas máis altas. As previsións indican un anticiclón e unha posible pequena dina, que aumentará sensiblemente a humidade. Nas zonas onde isto se produza cómpre estar pendentes, e máis se houbo danos nos episodios de sarabia de abril ou outros momentos, por se isto provoca que os restos das flores non se desprendan. No caso do black rot, que tamén gusta de temperaturas elevadas, non se notou evolución nos síntomas observados pero a viña tamén entra nun período de elevada sensibilidade, e cómpre aumentar a vixilancia.
Outros asuntos a ter en conta
En canto a outros asuntos, cómpre arrancar canto antes as plantas enfermas para que as primeiras ninfas do vector da flavescencia dourada non se poidan alimentar delas. Ademais, detectáronse evidentes síntomas de patoloxías de madeira e as temperaturas altas causarán estrés nas plantas, o que pode incrementar a manifestación de máis síntomas: retirar as plantas moi afectadas ou os restos de vides mortas resulta de crucial importancia.
En canto a outros cultivos, destaca a probabilidade de infeccións por mildio na pataca. Malia que o estado é excelente, a suba de temperaturas facilitará a evaporación da auga do solo e incrementará o risco. No caso do bolboreta do buxo, a meteoroloxía prevista favorecerá o insecto, e de producirse precipitacións tamén se favorecen outros fungos que afectan a esta especie, polo que cómpre incrementar a vixilancia.