Carriola.Dep.Prv.06.06.26
Luis López: “É posible compatibilizar o desenvolvemento económico coa protección dos recursos naturais apoiando aos sectores que viven e coidan do territorio” A institución provincial reforza o apoio ao sector primario, á investigación e á conservación ambiental cun investimento crecente e proxectos europeos de referencia para a protección do litoral e das Rías Baixas
A Deputación de Pontevedra reforzou nos tres últimos anos o seu compromiso coa protección do medio ambiente cun investimento próximo aos 4 millóns de euros destinado ao apoio do sector primario, á conservación da biodiversidade, á investigación, á innovación e á divulgación ambiental. Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o presidente Luis López puxo en valor unha estratexia transversal que abrangue desde o respaldo a confrarías e cooperativas ata a participación en proxectos europeos de conservación do litoral e a promoción de hábitos sostibles entre a cidadanía.
López subliñou que “a protección do medio ambiente non é só unha obriga, senón tamén unha oportunidade para construír unha provincia máis competitiva, máis resiliente e con máis futuro”. Neste sentido, destacou que “desde a Deputación estamos demostrando que é posible compatibilizar o desenvolvemento económico coa conservación dos recursos naturais, apoiando aos sectores que viven do territorio e contribuíndo ao mesmo tempo a preservalo”.
Nestes tres últimos anos a Deputación destinou un total de 3,11 millóns de euros a través de convocatorias de subvencións e convenios de colaboración relacionados coa protección ambiental, a actividade agroforestal e pesqueira, a investigación e a sustentabilidade do territorio. A esta cifra hai que engadir os fondos mobilizados a través dos proxectos europeos +Rías e Biocsteiro, que suman outros 880.000 euros. En conxunto, a acción ambiental da institución provincial alcanza así case os 4 millóns de euros.
Un dos principais piares desta estratexia é o apoio ao sector primario. Neste ámbito, a institución provincial destina en 2026 un total de 820.000 euros en liñas de subvencións para confrarías de pescadores, agrupacións de mariscadoras, cooperativas agrogandeiras e, como novidade, para sociedades de caza que desenvolvan actuacións de recuperación e conservación dos recursos naturais e cinexéticos. “A mellor maneira de protexer o noso medio natural é apoiar ás persoas e colectivos que conviven con el e que contribúen cada día ao seu coidado”, sinalou Luis López, quen destacou o incremento do 40% nas axudas destinadas ás confrarías, ás mariscadoras e ás cooperativas agrogandeiras.
A investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento constitúen outro dos eixes da política ambiental provincial. A través de convenios con entidades de referencia como a Universidade de Vigo, a Misión Biolóxica de Galicia, ASAGA, a Unión Leiteira Galega ou a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores, entre moitas outras, a Deputación impulsa iniciativas orientadas á adaptación ao cambio climático, á modernización do sector primario e á promoción de modelos de desenvolvemento máis sostibles.
A dimensión ambiental da Deputación transcende tamén o ámbito provincial grazas á participación en proxectos europeos como Biocosteiro, desenvolvido xunto con SEO/BirdLife e a Câmara Municipal de Viana do Castelo para mellorar a conservación dos hábitats costeiros galaico-portugueses, ou +Rías, centrado na sustentabilidade ambiental e socioeconómica das Rías Baixas. A sensibilización ambiental é outro dos ámbitos de actuación da institución provincial. Programas como Voando nas Rías Baixas e +Bosques permiten achegar cada ano centos de persoas a espazos de alto valor ecolóxico da provincia e contribuír á creación dunha maior conciencia ambiental entre a cidadanía.
“Queremos que a sustentabilidade sexa un eixo transversal da acción da Deputación e tamén un sinal de identidade da provincia de Pontevedra. Por iso apostamos pola colaboración, pola innovación e por investimentos que teñan un impacto real tanto na protección do medio ambiente como na calidade de vida da cidadanía”, concluíu o presidente provincial.