Carriola.GALP.09.07.26
O primeiro embarque do proxecto terá lugar o vindeiro xoves 9 de xullo a bordo da embarcación Abuelo Sebas, onde un alumno do CPR Sagrado Corazón de Placeres vivirá unha auténtica xornada de traballo xunto a profesionais do mar
O proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” porá en marcha hoxe xoves 9 de xullo unha das súas actividades máis representativas coa celebración do primeiro embarque formativo dos previstos nos oito territorios GALP de Galicia.
Será o GALP desta Ría o primeiro en desenvolver esta iniciativa, ofrecéndolle a Pablo, alumno do CPR Sagrado Corazón de Placeres, a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade do sector marítimo-pesqueiro a bordo da embarcación Abuelo Sebas, durante unha xornada de mañá centrada na actividade pesqueira con nasas.
Acompañado pola tripulación, Pablo poderá descubrir como transcorre unha xornada real de traballo no mar, participando nas diferentes tarefas propias desta modalidade de pesca e coñecendo de preto un oficio que combina experiencia, coñecemento do medio mariño, tradición e innovación. A embarcación, ademais, traballa na incorporación de novas iniciativas vinculadas ao turismo mariñeiro, amosando a capacidade de adaptación e diversificación do sector.
Os embarques constitúen unha das accións máis destacadas do proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, xa que permiten ao alumnado vivir experiencias reais xunto a profesionais do mar, coñecer as distintas saídas laborais do sector e espertar vocacións entre as novas xeracións.
Impulsado conxuntamente polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, o proxecto ten como obxectivo fomentar o relevo xeracional no sector marítimo-pesqueiro, achegando á mocidade a realidade destas profesións e promovendo a Formación Profesional Dual como unha vía de acceso a un emprego cualificado e con futuro.
Tras este primeiro embarque a iniciativa continuará desenvolvéndose no resto de territorios GALP de Galicia, permitindo que novos estudantes descubran desde dentro a realidade das profesións do mar.