Carriola.Consll. de Sanidade.04.08.26
Trátase dunha infraestrutura considerada esencial para o soporte das aplicacións corporativas, comunicacións e servizos dixitais do Servizo Galego de Saúde
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica no Portal de Contratos de Galicia a adxudicación, á empresa CIE Tenoologías SLU, do subministro e instalación da infraestrutura tecnolóxica para a posta en marcha do Centro de Procesamento de Datos do Hospital Público Novo Montecelo de Pontevedra, por un importe de 626.974 euros.
O contrato ten como obxectivo dotar o hospital pontevedrés dun equipamento de vangarda baixo tres piares fundamentais: a eficiencia e optimización enerxética das instalacións, o aumento da dispoñibilidade dos servizos TIC adaptada á demanda actual e a estandarización e implementación de tecnoloxías emerxentes que acompañen a evolución dos sistemas de información.
Esta nova infraestrutura considérase esencial para o soporte das aplicacións corporativas, comunicacións e servizos dixitais do Servizo Galego de Saúde, orientándose a asegurar altos niveis de dispoñibilidade, seguridade e eficiencia enerxética.
Deste xeito, o Centro de Procesamento de Datos do Novo Montecelo contará con áreas especializadas, incluíndo salas de servidores, de backup, salas LAN e WAN, ademais dunha sala destinada aos sistemas de alimentación ininterrompida.
Entre o equipamento que inclúe este expediente destaca a instalación diversos armarios rack, así como o despregamento dunha robusta rede de cableado de cobre e fibra óptica, co que se garantirá a integración coa rede corporativa do Servizo Galego de Saúde.
O material deberá estar instalado e plenamente operativo nun prazo máximo de 6 meses, asegurando que todos os compoñentes sexan de última xeración e que conten cun soporte técnico estendido.