Carriola.Redacción. 29.08.26
julio@carriola.es
Chega agora un novo comunicado a Carriola procedente “Danzantes da Danza de Espadas” sin personificar en niguén a autoría do escrito pero que asegura defender a versión dos propios danzantes, que son os protagonistas desta situación sen obxectivo (aseguran) de alimentar a polémica nin buscar culpables, senón aclarar os feitos, achegar a nosa versión e contribuír a que se coñeza a situación desde todas as partes implicadas”. Not que reproducimos íntegramente a continuación:
COMUNICADO DOS DANZANTES DA DANZA DE ESPADAS DE MARÍN
“Porque cando unha historia se conta só desde unha beira, igual convén escoitar tamén á outra. E máis cando os protagonistas somos nós.
Ante os comunicados publicados nos últimos días polo Ateneo Santa Cecilia e o Padroado de Mareantes San Miguel sobre as sudadeiras da Danza de Espadas, queremos aclarar como sucederon realmente as cousas.
Primeiro: as sudadeiras non apareceron de repente nun escaparate nin se puxeron á venda para todo Marín. Foron un encargo interno realizado por persoas vinculadas á Danza, para uso voluntario dos propios danzantes. Cada persoa encargou, pagou e recolleu a súa sudadeira.
Segundo: o deseño utilizado foi facilitado ao taller por os propios danzantes do grupo. O Taller de More limitouse a facer o traballo solicitado. Non deseñou o logotipo, non decidiu que elementos aparecían nel e non iniciou ningunha comercialización pola súa conta.
Terceiro: no deseño aparecía a referencia ao Ateneo Santa Cecilia. E queremos aclarar algo que consideramos importante: o nome do Ateneo aparecía porque o propio nome co que identificamos o noso grupo de Danza é Danza de Espadas do Ateneo Santa Cecilia. Formaba parte da maneira na que o grupo se identifica, non coa intención de apropiarnos do nome do Ateneo, falar en nome da entidade ou facer pensar que o Ateneo estaba detrás da confección das sudadeiras.
Precisamente cando xurdiu o problema e se nos comunicou que esa referencia podía xerar conflito, retirouse inmediatamente, porque nunca foi intención dos danzantes apropiarse do nome de ninguén nin crear ningún problema. E aquí é onde creemos que cómpre poñer algo de sentido común. Estamos falando dunha sudadeira, non de cambiar a historia da Danza de Espadas, nin de modificar a vestimenta tradicional, nin de apropiarnos dunha entidade.
Ninguén dixo que a sudadeira formase parte da vestimenta oficial da Danza. Era simplemente unha prenda para os danzantes, pensada para levar nos momentos previos ou posteriores ás actuacións e actividades, especialmente cando fai frío. Nada máis. Nin menos.
Cuarto: nunca existiu intención de facer negocio coa Danza, co Ateneo nin co Padroado. As persoas que a encargaron pagaron a súa propia prenda. O taller cobrou por realizar un traballo encargado. E punto.
Por iso tamén nos sorprende que se fale de “comercialización” como se existise unha operación empresarial detrás, cando o que houbo foi un encargo entre persoas dun grupo para ter unha prenda común.
Quinto: queremos deixar claro que o Taller de More non debería converterse no responsable dun conflito que non lle corresponde. O taller recibiu un deseño e realizou un bordado. Se existe algún desacordo sobre o uso dun nome ou sobre quen ten autorización para empregalo, esa cuestión deberá resolverse entre quen corresponda, pero non cargándolle ao taller unha responsabilidade que non ten.
E sobre todo, queremos pedir que non se confunda unha cousa con outra. Ninguén pretende modificar a vestimenta tradicional da Danza de Espadas. Ninguén pretende falar en nome do Ateneo. Ninguén pretende apropiarse de ningunha entidade.
O que queremos é poder ter unha sudadeira feita por nós, pagada por nós e para nós. Parece bastante sinxelo.
Tamén queremos manifestar o noso desacordo coa maneira na que se trasladou inicialmente esta situación aos medios, porque consideramos que se deu unha imaxe que non se corresponde coa realidade vivida polos danzantes e polas familias.
Non queremos guerras, nin polémicas, nin titulares.Queremos simplemente que se conte toda a historia. Porque en Marín sabemos que, cando se conta unha cousa a medias, ao final acaba parecendo outra.
E desta vez tamén temos algo que dicir nós: Somos os danzantes. Estivemos alí. Encargamos as sudadeiras. Pagámolas. E sabemos perfectamente para que eran. Pedimos, polo tanto, que antes de sacar conclusións se escoite tamén a nosa versión e que se respecte a verdade dos feitos.
E para rematar, queremos deixar algo moi claro:
Este comunicado non nace para buscar culpables, nin para sinalar a unha persoa ou a varias. Non queremos que se busquen responsables, cabezas de turco nin culpables desta situación. O que queremos é que se entendan as circunstancias, que se aclaren as cousas e que se busque unha solución. Porque detrás de todo isto hai persoas, familias e, sobre todo, unha Danza que leva moitos anos formando parte da nosa historia.
Non pretendemos ter máis razón ca ninguén. Só pedimos que se escoite tamén a nosa versión e que, entre todos, se trate de buscar unha solución e de pechar este asunto da mellor maneira posible.
Porque ao final, por riba dunha sudadeira, dun nome ou dun comunicado, está o que realmente importa: a Danza, a tradición e as persoas que a manteñen viva.”