Carriola.Redacción 10.09.26
julio@carriola.es
O Auditorio acollerá mañá sñabado o “XIII Memorial Padre Marino e Antonio Fernández” acto co que os actuais membros de “Os Chaneiros” queren lembrar aos fundadores da agrupación de folclore galego que conta xa con medio século de existencia
A xornada, organizada pola devandita “Asociación Artístico-Cultural Os Chaneiros”, comezará ás 19.00 horas cunha proxección documental e continuará cun festival tradicional que rematará cun concerto de Anxo Lorenzo
O programa deste evento foi presentado onte pola Asociación Os Chaneiros e pola concelleira de Festas, Marián Sanmartín, que puxeron en valor a continuidade dunha iniciativa que forma parte do calendario cultural da vila e que permite reivindicar e difundir a música e o folclore tradicional galego.
A programación dará comezo ás 19.00 horas coa proxección do documental ‘Os Chaneiros, medio século de música’, unha peza audiovisual que percorre a traxectoria desta formación e o seu papel na conservación e divulgación da cultura musical galega ao longo dos seus 50 anos de historia.
A continuación, ás 19.30 horas, terá lugar o festival, no que participarán Danzas Pais de San Roque, Son de Nós, Os Chaneiros e Trompos Os Pés, ofrecendo ao público unha mostra da riqueza e diversidade da música e das danzas tradicionais.
A xornada pecharase ás 21.00 horas cun concerto protagonizado por Anxo Lorenzo, que aproveitará a cita para presentar o seu novo proxecto, ‘Avante’.
Desde a Asociación Os Chaneiros destacan o carácter especial desta decimoterceira edición do Memorial, unha cita coa que se pretende manter viva a memoria do Padre Mariño e Antonio Fernández ao tempo que se dá continuidade ao compromiso da entidade coa promoción da cultura e da música tradicional.
O XIII Memorial Padre Mariño - Antonio Fernández conta coa colaboración do Concello de Marín e da Deputación de Pontevedra.