Carriola.Museo do Mar.02.10.26
julio@carriola.es
O festival celebrarase en abril de 2027 no Auditorio de Marín e noutros espazos da vila e volverá converter a Marín nun punto de encontro do cine ao redor do mar, evemtpo pàra o que o día 1 de novembro abrirase o prazo para a recepción das obras que se presenten

O Museo do Mar de Marín organizará o IV Festival Cine do Mar, coa colaboración do Concello de Marín, unha cita que regresará á vila en abril de 2027 para reunir propostas cinematográficas de diferentes países arredor dun elemento común: o mar.
O festival mantén así unha identidade propia construída arredor do audiovisual e da cultura marítima, ao tempo que aspira a seguir medrando e ampliar a súa capacidade para achegar ao público de Marín unha selección do mellor cine relacionado co mar que se realiza nos distintos lugares do mundo.
Tres categorías para contar o mar desde o audiovisual
A convocatoria contará con tres categorías: Ficción, Documental e Sección Ensino, esta última especificamente dirixida aos centros educativos. O único requisito para participar é que as obras presentadas teñan unha temática relacionada co mar, deixando aberta a porta a diferentes xéneros, miradas e formas de abordar esta realidade.
O prazo de recepción das obras abrirase o 1 de novembro e permanecerá aberto ata o 28 de febreiro. As películas poderán enviarse a través das plataformas especializadas Festhome e FilmFreeway ou directamente a través do correo electrónico do festival.
Un festival que medra e incorpora novas propostas
A organización afronta esta cuarta edición coa previsión de incrementar a participación e, con ela, as posibilidades de ofrecer ás persoas que se acheguen ao festival unha programación cada vez máis ampla e diversa.
Xunto ás proxeccións, o Festival Cine do Mar volverá contar con actividades que tiveron unha excelente acollida nas edicións anteriores, como o showcooking, co cociñeiro marinense Marcos S. Area, e a excursión a unha das illas da costa. A organización traballa ademais na incorporación de novas actividades co obxectivo de ofrecer ao público unha experiencia máis completa.
Ampliación do equipo da organización
Outra das novidades desta edición é a ampliación do equipo da organización, coa incorporación de Diana Peñas como nova codirectora do festival. Profesional e docente do ámbito audiovisual e veciña de Marín, Peñas achegará a súa experiencia e coñecementos ao proxecto, contribuíndo ao seu proceso de crecemento e mellora.
Toda a información e as bases da convocatoria están dispoñibles en: www.festivalcinedomar.com