Carriola.EdM/Redacción.02.10.26
julio@carriola.es
“Estrela de Marín” converterá o comercio local nunha experiencia educativa, social e cultural coa campaña extraordinaria “Que é un comercio” , iniciativa presentada onte que contou coa participación do Director Xerente do CCA Estrela de Marín, Yonathan Carreira, do Delegado Territorial da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, Pablo Fernández e da Alcaldesa do Concello de Marín, María Ramallo,
Trátase dunha campaña, segundo explicou

Jonathan Carreira, a desenvolver do 1 ao 17 de outubro que combinará mensaxes nos escaparates, regalos polas compras, unha gran acción educativa con máis de 500 escolares, a nova mascota Estrelín e o espectáculo familiar “A nena que quería navegar”, unha iniciativa que pretende ir máis alá da promoción comercial tradicional para convidar á cidadanía a reflexionar sobre todo o que representa o comercio local na vida dunha vila partindo dunha pregunta, “Que é un comercio” para construír arredor dela unha mensaxe de proximidade, confianza, emprego, identidade e comunidade.
O obxectivo da campaña é lembrar que detrás de cada escaparate hai persoas, familias, historias e profesionais que, ademais de ofrecer produtos e servizos, contribúen diariamente a manter as rúas activas, xerar actividade económica e construír unha vila máis próxima e humana. “Que é un comercio” forma parte das campañas extraordinarias de dinamización recoñecidas pola Xunta de Galicia polo seu carácter innovador, calidade e impacto sobre o tecido comercial local, tendo sido “Estrela de Marín” unha das cinco entidades recoñecidas dentro desta liña extraordinaria pola Xunta de Galicia e por segundo ano consecutivo
Os escaparates falarán coa cidadanía
Un dos principais eixos da campaña estará nas propias rúas e, durante os días da iniciativa, os establecementos asociados converterán os seus escaparates en soportes de comunicación, incorporando mensaxes coas que poñer en valor a importancia do comercio de proximidade. Frases como “O comercio local fai vila”, “Mercar preto é facer futuro” ou “Detrás decada escaparate hai persoas” permitirán construír un gran relato compartido por toda a vila.
A intención é que os comercios non sexan unicamente os lugares nos que se desenvolve a campaña, senón os seus verdadeiros protagonistas e altofalantes. Nesta actividade, participaron 34 alumnas e alumnos do módulo de Actividades Comerciais, do Colexio Mendiño de Vigo, que baixo a supervisión da visual merchandising Cany Juncal se encargaron da decoración de preto de 80 escaparates comerciais.
As compras tamén permitirán conseguir regalos da campaña
A vertente de fidelización terá tamén un peso importante. As persoas que realicen compras nos establecementos asociados poderán acumular puntos e conseguir distintos regalos vinculados á campaña, entre os que se incorporarán produtos personalizados coa imaxe de Estrelín e de “Que é un comercio”.
Mochilas, estoxos e outros artigos formarán parte dun catálogo de regalos que poderá consultarse na plataforma Comercio de Marín, reforzando así o uso do Club de Fidelización e a relación entre compra local e ferramentas dixitais.
A información sobre o funcionamento, puntuacións e regalos dispoñibles poderá consultarse na APP e na web de Comercio de Marín: https://www.comerciodemarin.com/catalogo-regalos
Máis de 500 escolares coñecerán a Estrelín
Un dos momentos máis destacados chegará o mércores 14 de outubro, cando máis de 500 escolares de educación infantil e primaria de Marín participarán nunha gran actividade educativa no Auditorio. Está prevista a participación de alumnado do CEIP A Laxe, CEIP de Carballal, CEIP Sequelo e Escola de Educación Infantil O Grupo.
A sesión permitirá aos nenos e nenas coñecer a Estrelín, a mascota oficial de Estrela de Marín, convertida nesta campaña nun personaxe corpóreo que acompañará as futuras accións da entidade.
A través dunha actividade lúdica e participativa, a rapazada descubrirá que é un comercio, quen hai detrás dos establecementos, que función desempeñan na vida diaria e por que comprar preto contribúe á economía e á cohesión social da vila.
A iniciativa busca tamén levar esta reflexión aos fogares, facendo da infancia unha vía para trasladar ás familias a importancia do comercio de proximidade.
Estrelín tamén terá canción propia
A campaña permitirá, ademais, ampliar o universo creado arredor da mascota coa presentación do tema musical “Estrelín”, composto por Juan Antepazo. A canción está interpretada por Josito Porto e Noa Antepazo, coa participación instrumental de José Piedra e Arturo Sabugueiro, e conta tamén cun videoclip propio.
O tema fala de ilusión, acompañamento, proximidade, soños e da relación co mar, elementos que conectan coa identidade de Marín e co lema de Comercio de Marín: “O comercio que navega contigo”.
O teatro pechará a campaña o 17 de outubro
O broche final chegará o sábado 17 de outubro no Auditorio de Marín coa representación de “A nena que quería navegar”, da compañía Redrum Teatro. A función comezará ás 19:00 horas, con apertura de portas ás 18:00 horas. Trátase dunha proposta de carácter familiar coa que Estrela de Marín quere pechar a campaña conectando cultura e comercio a través de valores como a autoestima, a diversidade, a confianza, os soños e a importancia de sentirse acompañado.
As entradas serán gratuítas e exclusivas para clientes do Club de Fidelización Comercio de Marín, con reserva previa a través de Ticketrona e ata completar o aforo https://entradas.ticketrona.com/events/a-nena-que-queria-navegar (dispoñibles a partir do 1 de outubro)
Antes da representación, Estrelín volverá ter protagonismo e o público poderá coñecer tamén outras das accións desenvolvidas ao longo da campaña.
Unha campaña para explicar todo o que existe detrás dunha compra
Con “Que é un comercio”, Estrela de Marín pretende que a campaña non remate simplemente cun incremento das compras, senón cunha maior percepción social do valor que teñen os establecementos de proximidade.
A iniciativa conecta así comercio, educación, cultura, fidelización, comunicación e novas tecnoloxías nunha mesma proposta. A mensaxe que percorrerá todas as accións resúmese nunha idea: “Mercamos na nosa vila, facemos vila.” E nunha visión do comercio como algo que vai máis alá da compravenda: proximidade, confianza e vida de vila.
Está organizada polo Centro Comercial Aberto Estrela de Marín, conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia – Comercio Galego e coa colaboración do Concello local.
Secuencias da campaña
* Do 1 ao 17 de outubro de 2026 : acumulación de puntos e mensaxes nos escaparates. 14 de outubro
* Gran actividade educativa con máis de 600 escolares
* Auditorio de Marín 17 de outubro · 19:00 h A nena que quería navegar – Redrum Teatro Apertura de portas: 18:00 h con entrada gratuíta para clientes do Club de Fidelización Comercio de Marín mediante Ticketrona.
Intervencións de Pablo Fernández e María Ramallo
No transcurso do acto de presentación da campaña interviron o Delegado Territorial da Xunta, Pablo Fernández e a alcaldesa de Marín, María Ramallo.

Para Fernández esta campaña é un exemplo do bo facer do colectivo comercial Estrela de Marín, un dos 56 centros comerciais abertos en toda Galicia sendo o marinense un dos cinco distinguidos pola Xunta atendendo a o seu traballo ao longo de todo o ano. O Delegado ensalzou o fundamento da campaña s destacou o sentido de familia que implica aos nenos e nenas no coñecemento do que é o comercio local desde moi tenpranas idades. Tamén tivo paabras para estimar un acerto a mascota “Estrelín” que capitaneará o evento, e finalizou agradecendo o traballo da asociación marinense pola aposta en favor do comercio local qu dalgún xeito facelo tam+en polo comercio galego.
Pola súa banda,

Marìa Ramallo, alcaldesa marinense, pechou as intervencións agradecendo a presencia dos asistentes e especialmente a do Delegado Territorial da Xunta . Destacou tamen a importancia da presencia do Centro Comercial Estrela de Marín entre os cinco premiados porla Xunta este ano que, por segundo ano consecutivo, pon a Marín no mapa galego do mundo do comercio local. Tamén destacou a creación da mascota e a incidencia que con ela e outros motivos se fai coa campaña no mundo infantil. Recoñeceu as dificultades deste momento no que o comercio enfréntase a tendencias e problemas de todo tipo que obrigan a facer un traballo promocional serio e consecuente. Rematou a súa breve intervención agradecendo o traballo da concelleira de turismo e comercio Cristina Acuña, “Sempre presente en todas as campañas ao lado de Esrela de Marín e das prazas municipais de Abastos en plena colaboración con eles” dixo, e desexou o mellor éxito da campaña aos comeciantes marinenses.
E apareceu “Estrelín”

Antes de rematar o acto Jonathan Carreira presentou á mascota “Estrelín” que fixo a súa entrada no acto celebrado no hall do Auditorio entre os aplausos dos asistentes gratamente sorprendidos pola simpática figura que estará presente ao longo de campaña que se iniciará o día 5 deste mes.
A APP e a WEB do Comercio de Marín conten toda a información que as persoas interesadas desexen consultar.