Carriola.GALP.23.10.26
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, visitou o stand do proxecto o xoves 22 de outubro, acompañada por representantes de varios GALP galegos e de IGAFA. A participación na feira está a permitir achegar as oportunidades formativas e laborais do sector marítimo-pesqueiro á comunidade educativa.
O proxecto «Relevo xeracional: o futuro do mar» participa en EDUGAL 2026, o Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia, que se celebra do 21 ao 23 de outubro no Recinto Feiral de Pontevedra. A iniciativa conta cun stand propio para dar a coñecer a diversidade de profesións vinculadas ao mar e as diferentes vías de formación e acceso ao emprego, desde a Formación Profesional e a FP Dual ata as titulacións e acreditacións específicas do sector.
Visita institucional ao stand
Na xornada de onte, coincidindo coa apertura da feira ás 10:00 h, o stand recibiu a visita da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia,

Ángeles Vázquez Suárez.
Acompañárona Rosa Carballo, xerente do GALP Ría de Arousa; Elena Herbello, xerente do GALP Ría de Vigo; Laura Nieto, xerente do GALP Ría de Pontevedra; Guillermo González, xerente do GALP Costa da Morte; Tamara Tilve, xerente do GALP Golfo Ártabro Norte; e Rosana González, xerente do GALP A Mariña-Ortegal, xunto co presidente desta entidade, Javier Martínez. Tamén participou José Ventura Villar Estalote, subdirector de IGAFA.
A visita desenvolveuse entre grupos de alumnado e outras persoas visitantes, que puideron coñecer os recursos divulgativos do proxecto e probar as gafas de realidade virtual cedidas pola Confraría da Illa de Arousa e a OPP 20. Dúas persoas desta última entidade están presentes no stand para acompañar a experiencia e ofrecer información sobre os procesos de traballo no sector primario do mar.
Recursos interactivos e interese polas profesións do mar
O stand conta cunha pantalla vertical para reproducir vídeos elaborados no marco do proxecto e con recursos interactivos que permiten achegar a realidade do traballo no mar dun xeito visual e participativo.
Durante a segunda xornada, rexistrouse unha importante afluencia de alumnado de educación secundaria, especialmente en horario de mañá. Destacaron as consultas sobre saídas profesionais e ciclos formativos específicos relacionados co sector marítimo-pesqueiro, nun contexto de maior acompañamento dos grupos por parte do profesorado.
Esta experiencia pon de manifesto a importancia de participar en espazos educativos como EDUGAL para resolver dúbidas, dar a coñecer os itinerarios formativos e contribuír a que a mocidade contemple as profesións do mar como unha opción de futuro.
O proxecto «RELEVO XERACIONAL: O FUTURO DO MAR» é unha iniciativa de cooperación dos oito GALP galegos, coordinada polo GALP Ría de Arousa, en colaboración co GALP vasco Itsas Garapen Elkartea, e financiada pola Consellería do Mar, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).