Carriola.DEP.PRV.
O Museo Manuel Torres de Marín acollerá ata o 30 de novembro esta mostra de posta en valor do patrimonio arqueolóxico galaico-romano que amosará 75 pezas procedentes de castros da provincia, mostra acompañada de obradoiros didácticos, visitas guiadas e conferencias
A Deputación de Pontevedra inaugura o próximo venres, 30 de outubro, ás 9:30 horas, no Museo Manuel Torres, en Marín, a exposición itinerante “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación”. Trátase hunda mostra que dá continuación ao proxecto Trazas de Pontevedra, que naceu co obxectivo de poñer en valor o patrimonio arqueolóxico galaico-romano da provincia a través dunha rede de dezasete xacementos de alto valor histórico e científico.
Un mes de mostra itinerante
A exposición estará dispoñible en Marín ata o 30 de novembro e nela presentaranse ata 75 pezas procedentes de castros da provincia. No acto de inauguración, no que participará o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, a alcaldesa de Marín e tamén deputada provincial María Ramallo e a xefa territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Isabel Couselo, o equipo da Fundación Terra Termarum ofrecerá unha explicación detallada das pezas, achegando información sobre o seu contexto histórico, significado e valor patrimonial. Ademais, ao longo do mes, acompañarase a mostra de obradoiros didácticos para público xeral, obradoiros infantís para escolares de entre 8 e 10 anos, visitas guiadas e unha conferencia sobre a temática da exposición.
Outros concellos
Despois do seu paso por Marín e o mes pasado por Sanxenxo, a mostra itinerante “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación” está previsto que visite no 2027 os concellos de Vilagarcía de Arousa, A Guarda e Tui.