Carriola.XdG.26.10.26
A Xunta empregará técnicas de ADN ambiental (eDNA) para estudar a biodiversidade oculta no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia a través dun proxecto desenvolvido polo Departamento de Bioloxía da Universidade Autónoma de Madrid.
O proxecto eDNA para a avaliación da diversidade oculta e a detección de especies invasoras en parques nacionais mariños e terrestres ten como obxectivo comprobar o potencial das técnicas de ADN ambiental para mellorar o coñecemento e o seguimento da biodiversidade. En concreto, esta iniciativa busca incorporar unha ferramenta complementaria para detectar especies que quedan fóra dos inventarios convencionais polo seu tamaño, a súa distribución, o seu comportamento, as dificultades de mostraxe ou de identificación.

O punto de partida desta técnica de investigación é que todos os organismos deixan restos do seu material xenético no medio no que viven -auga, aire ou noutros elementos ambientais-, polo que a partir deles é posible obter información sobre as especies que utilizaron ese espazo.
Deste xeito, o ADN ambiental permite aproximarse á biodiversidade sen necesidade de localizar directamente os organismos, o que resulta moi útil para detectar especies pequenas, pouco abundantes, difíciles de observar ou con hábitos que dificultan a súa observación mediante outros métodos.
Máis polo miúdo, a obtención do ADN ambiental debe adaptarse a cada medio. Así, nas augas costeiras e nos ríos recóllense mostras que posteriormente se filtran para reter as partículas e os restos que conteñan material xenético. O proxecto tamén incorpora a posibilidade de extraer ADN acumulado en organismos filtradores naturais, como determinadas esponxas mariñas.
No caso do ADN aéreo, instalaranse sistemas de filtrado en distintos hábitats terrestres, especialmente naqueles nos que non existen masas de auga permanentes que poidan empregarse como fonte de material xenético aéreo.
A recollida de mostras repetirase ao longo do ano para cubrir a variación estacional e combinar información de diferentes momentos e lugares. En concreto, no Parque Nacional estudaranse tanto as costas expostas como as zonas abrigadas, o Lago dos Nenos e distintos hábitats terrestres.
Unha vez obtida a mostra, o ADN extraído someterase a técnicas de secuenciación masiva. Neste senso, o metabarcoding permite obter, a partir dunha mesa mostra, información de numerosos grupos de organismos e elaborar un perfil da comunidade detectada.

A interpretación dos resultados require tamén dispoñer de bases de datos de referencia adecuadas. Por iso o proxecto comeza coa elaboración de catálogos das especies coñecidas nos dous parques e coa recompilación dos seus xenomas dispoñibles.
Polo tanto, a combinación entre mostraxe ambiental, secuenciación e bases de datos permitirá tanto completar o inventario de biodiversidade coñecida e oculta como detectar posibles especies invasoras e obter información sobre a diversidade xenética presente.
O estudo, que se desenvolverá ademais de nas Illas Atlánticas, no Parque Nacional de Cabañeros, pretende que os seus resultados sexan aplicables noutros espazos da Rede de Parques Nacionais. De feito, o obxectivo deste proxecto é tanto contribuír a coñecer unha parte da biodiversidade que os métodos convencionais non permiten detectar como avaliar ata que punto o ADN ambiental pode converterse nunha ferramenta útil para a monitorización da biodiversidade nos parques nacionais.