Carriola.GALP.07.11.26
Todas as persoas interesadas en desenvolver actividades relacionadas coa transformación de produto do mar teñen unha cita o vindeiro martes 10 de novembro ás 18:00 h no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, onde terá lugar un encontro informativo para presentar os Viveiros Formativos de Emprendemento "Feito co Mar", que se celebrarán en 2027.
Feito co Mar é un proxecto para fomentar o emprendemento a través da transformación do produto pesqueiro mediante elaboracións de peixes e mariscos como conservas, salgados, afumados, adubados, desecados, patés e pratos elaborados, poñendo o foco especialmente en prácticas artesanais.
Dous programas
Os Viveiros contan con dous programas formativos, un de iniciación e outro de profesionalización, que se celebrarán en 2027. Ambos os dous estarán orientados á aprendizaxe práctica, á experimentación e ao acompañamento de proxectos de emprendemento e innovación.
As persoas que asistan a estes encontros previos coñecerán a programación detallada e datas dos Viveiros Formativos. Tamén aprenderán, a través de exemplos prácticos, en que consisten os Espazos de Traballo Colaborativo como modelos de emprendemento. E poderán aclarar dúbidas, compartir ideas e reservar a súa praza nos programas formativos.
Valorización da actividade pesqueira
O sector pesqueiro é especialmente relevante en Feito co Mar, xa que o proxecto ten como propósito principal valorizar a actividade pesqueira e potenciar a remuda xeracional coa creación de novas empresas e o impulso de actividades económicas de transformación dos produtos do mar.
O proxecto tamén ten interese en dar apoio a persoas que están a formarse. Por iso se realizarán tamén encontros co alumnado en centros de ensino como o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra. E proximamente anunciaranse tamén novas datas abertas ao público noutros lugares do territorio da Ría .
O programa formativo
Os Viveiros están pensados para capacitar de maneira práctica na transformación e elaboración do produto pesqueiro, facendo prototipado de propostas de produtos pesqueiros transformados e elaborados, como conservas e pratos de V gama. Co obxectivo de garantir o maior éxito das iniciativas das persoas que se acheguen aos Viveiros, facilitaranse claves para o emprendemento de maneira colaborativa.
Nos diferentes módulos que se impartan nos cursos trataranse dende cuestións relacionadas coa normativa vixente, boas prácticas, técnicas ou procesos de elaboración axeitados, ata o envasado e etiquetado. Desenvolverase tamén un traballo de titorización dirixido a persoas e colectivos que, unha vez rematada a formación, precisen de apoio e asesoramento para facilitar a súa constitución como iniciativa de emprendemento.
A responsable do programa formativo será Carme Freire, que forma parte de 'Daquí darredor', un proxecto colaborativo para a transformación de alimentos agrícolas.
Un proxecto dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro
O principal beneficiario de Feito co Mar será o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, aínda que se espera que tamén repercuta positivamente en estudantes de formación profesional, programas municipais de emprendemento, asociacións empresariais e persoas desempregadas, entre moitas outras.
Feito co Mar é unha iniciativa de cooperación dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e está cofinanciada pola UE e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e participan oito GALPs de toda Galicia.