Carriola.Redacción.10.11.26
No marco dos actos organizados polo Ateneo Santa Cecilia con motivo do seu 74.º aniversario e da festividade de Santa Cecilia, o vindeiro venres 13 de novembro, ás 19:00 h, o salón de actos do IES Illa de Tambo de Marín acollerá un encontro de música tradicional.
O evento reunirá no escenario a tres destacadas agrupacións da contorna: Ferriñas, Luzada e Trompos ós pés, que ofrecerán un percorrido polos ritmos e melodías máis representativos do noso patrimonio musical. O acto é de entrada libre e gratuita ata completar a capacidade da sala como està legalmente determinado.
FERRIÑAS, cantareiras e pandereteiras
Con case quince anos de historia, este grupo de cantareiras e pandeireteiras está integrado integramente por 20 mulleres cunha media de idade entre os 65 e os 80 anos, expoñente claro de que nunca é tarde para aprender e manter viva a nosa cultura. Desde hai tres anos contan coa dirección de Berto Lago e ensaian semanalmente no Multiusos da Praza de Abastos grazas á colaboración do Concello. Nas súas actuacións están acompañadas polo propio mestre ao acordeón, Javier á gaita e Jose e Luis (da familia Lago) na percusión.
LUZADA grupo mixto
: Nado hai dous anos por iniciativa do propio alumnado tras a disolución do seu anterior grupo, Luzada representa a frescura e a continuidade da música tradicional. Con dous grupos de ensaio adaptados á dispoñibilidade e nivel musical das persoas, actualmente é un grupo mixto con ampla presenza feminina. Baixo a dirección da profesora Dámaris, a formación traballa na recuperación de pezas do folclore tradicional respectando a súa esencia orixinal. O seu nome, que evoca a primeira luz do día e o resplandor, foi elixido por votación polas súas compoñentes.
TROMPOS ÓS PÉS, medio século de folclore:
Creada no 1978 en Marín pola iniciativa dunha mocidade comprometida coa difusión do folclore galego, conta cunha traxectoria de case medio século percorrendo a xeografía galega, estatal e internacional. Destaca pola súa rica variedade de vestiario tradicional e por un repertorio de bailes, músicas e cantos recompilados directamente en numerosas aldeas de Galicia. Ao longo do seu percorrido, Trompos ós Pés compartiu escenario con agrupacións de países como Brasil, Arxentina, Eslovaquia, Venezuela, Holanda, Portugal, Bulgaria, Corea do Sur, Letonia, Rusia, Polonia ou Moldavia. Entre os seus fitos destacan a participación na banda sonora da curtametraxe El Sueño Matriusko (2003) de Mario Iglesias, o 2º Premio de pandeireteiras no concurso de Cantigas e Agarimos, a edición do seu disco In Mare (2003) no seu XXV Aniversario e a colaboración coa Orquestra Sinfónica de Melide no musical Gallaecia (2008). Así mesmo, no ano 2009 representaron a España no prestixioso VII International Folk Dance Festival SUDMALINAS en Letonia, participaron nas gravacións dos discos Ruído Branco e Nostra Fortuna do grupo Liorna, publicaron o traballo Sarahyba (2016) e celebraron o seu 40º Aniversario en 2018 cun espectáculo especial xunto á Banda de Música Musimarín.