Carriola.CdM.14.11.26
Das cantigas á intelixencia artificial: as Xornadas Blanco Freijeiro celebran 25 anos de cultura galega: O Museo Municipal Manuel Torres acollerá por primeira vez as xornadas, do 23 ao 28 de novembro nunha edición que abrirá cun vídeo que recoñece a quen deu continuidade á cita durante este cuarto de século. A inscrición é gratuíta e xa está aberta.
Como se transmiten as cantigas, que conta a arquitectura de pedra sobre a nosa forma de vivir e que cambia cando os saberes dos avós chegan aos netos en tempos da intelixencia artificial? Son algunhas das preguntas que centrarán as XXV Xornadas Blanco Freijeiro de Arte, Arqueoloxía e Historia, que este ano levan por lema «A cultura tradicional galega: entre historia e continuidade».
A alcaldesa, María Ramallo; a concelleira de Patrimonio, Beatriz Rodríguez; o arqueólogo responsable da organización, Juan Castro xunto con Gonzalo Blanco, sobriño de Antonio Blanco Freijeiro, presentaron o programa no Museo Municipal Manuel Torres, que será por primeira vez a sede das xornadas.
Unha apertura para celebrar 25 anos de xornadas

O luns 23 de novembro, ás 20.00 horas, o Museo acollerá un acto inaugural dedicado a lembrar a traxectoria das xornadas no que serà proxectado un vídeo conmemorativo coa participación de persoas do tecido asociativo e da vida política de Marín que contribuíron a manter viva a cita ao longo destes 25 anos.Este acto de apertura incluirá tamén unha actuación musical e un convite preparado polo alumnado do Obradoiro Dual de Emprego do Concello de Marín.
Catro relatorios sobre o que herdamos e o que cambia
As conferencias celebraranse no Museo Municipal Manuel Torres, todas ás 20.00 horas nas seguintes datas:
- Martes 24. «Memorias dun amador da música popular sobre o cantigueiro galego». Antón Santamarina Fernández, catedrático emérito de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela, abrirá o ciclo cun relatorio sobre a música popular e a tradición oral galega.
- Mércores 25. «Galicia, un mundo de pedra». Pedro de Llano Cabado, doutor en Arquitectura, abordará o papel da pedra na arquitectura galega.
- Xoves 26. «Continuidade e mudanzas na Galicia rural contemporánea (s. XIX-XX): fillos de moza, homes da maleta». José María Cardesín Díaz, catedrático de Historia dos Movementos Sociais da Universidade da Coruña, achegarase aos cambios na sociedade rural galega dos séculos XIX e XX.
- Venres 27. «Dos avós aos netos: o tempo e o espazo en tempos da IA». Manuel Mandianes Castro, doutor en Antropoloxía, Teoloxía e Ciencias Políticas, pechará os relatorios cunha reflexión sobre a transmisión cultural entre xeracións. Ás 21.30 horas, Beatriz Rodríguez presidirá a clausura e a entrega dos diplomas de asistencia.
A última actividade do programa será o sábado 28 de novembro, cunha visita ao Museo Etnolóxico de Ribadavia.
Inscrición gratuíta
A inscrición para participar neste ciclo é libre e gratuita e, as persoas interesadas xa poden facelo escribindo a xornadas.blanco.freijeiro.marin@gmail.com.