Carriola. 25.07.25
julio@carriola.es
Patria, sangue e cicatrices.

Aarón Franco
O 25 de xullo constitúe unha data sinalada para aqueles que comprenden Galiza como un suxeito histórico colectivo sometido a unha longa traxectoria de dependencia, espolio e negación. Neste día, conmemoramos a vontade dun pobo por se organizar politicamentecomo forza transformadora, capaz de exercer o seu dereito a existir con dignidade e a determinar, sen tutela allea, o seu futuro.
O concepto de patria que se reivindica nesta xornada aséntase na conciencia de que Galiza está habitada por clases populares que, historicamente, sufriron a explotación do seu traballo, o saqueo dos seus recursos e a marxinación da súa cultura. A patria é o nome que adopta o proceso de toma de conciencia dun pobo que aspira a se liberar tanto da dependencia estrutural como das xerarquías impostas por un poder alleo, que deseña desde fóra as súas regras e limita a súa capacidade de decisión.
A loita pola afirmación nacional non se pode desligar, pois, da loita de clases. Todo proceso de liberación verdadeira require cuestionar quen posúe os medios de produción, quen define as políticas económicas, quen se beneficia da extracción de riqueza e quen paga co seu traballo precarizado ou coa súa emigración forzada as consecuencias dun sistema deseñado para perpetuar a desigualdade. A recuperación da palabra “patria” non debe agochar estas relacións de dominación, senón nomealas con claridade, para que a reivindicación do país non se converta nun exercicio simbólico estéril, senón nun instrumento de mobilización e combate.
Celebrar o Día da Patria Galega é tamén poñer no centro a contradición entre o capital e a vida. É preguntarse a quen serve o actual modelo económico, quen deseña as infraestruturas e para que, quen especula co territorio e quen se ve desprazado dos espazos que habita. É lembrar que sen poder político real, sen capacidade de decidir sobre o que se produce, como se distribúe e quen se beneficia, non hai liberdade efectiva. A emancipación colectiva non pode reducirse a competencias delegadas nin a fórmulas autonomistas que reproducen a subalternidade.
O 25 de xullo convértese, así, nun altofalante para as voces que constrúen dende abaixo un proxecto de país solidario, xusto e soberano. Unha patria entendida como comunidade de iguais, na que a lingua e a cultura propias son ferramentas de conciencia e de loita. Unha patria que non aspire a encaixar nos moldes do poder dominante, senón a transformar radicalmente as condicións materiais de vida das maiorías sociais.
Porque Galiza é un país con forza de traballo, con memoria de resistencia e con capacidade para erguer un proxecto emancipador. Cada 25 de xullo, esa conciencia colectiva volve tomar corpo nas rúas, sinalando que a verdadeira liberdade non é posible sen xustiza social, e que a dignidade dun pobo comeza polo dereito a decidir, producir e vivir sen dependencia nin submisión.
Aarón Franco Outón.Marín, 24 de xullo do 2025.