Carriola.Redacción 05.08.25
julio@carriola.es
Máis de 300 curtas, 42 series web e unha homenaxe á actriz Mabel Rivera centran unha edición récord do festival, que incorpora accións didácticas e tecnolóxicas dirixidas á mocidade.

Do 20 ao 23 de agosto, a vila de Marín acollerá unha nova edición do MAC MARÍN (Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín), que se consolida como unha das citas imprescindibles do calendario audiovisual galego. O festival, organizado por Marín de Cine – Club Audiovisual, supera este ano todas as expectativas cunha participación histórica e unha programación que aposta por novos formatos, talento local e propostas educativas que mesturan cinema, tecnoloxía e cultura.
Acto de presentación
A presentación oficial celebrouse este onte no espazo “A Bailona” do Paseo Alcalde Blanco, coa presenza do director do certame, Dani Antelo, a escritora e xornalista Elena Gallego e a concelleira de Cultura, Itziar Álvarez. Antelo destacou o carácter ambicioso desta edición: “Hai máis actividades, máis público novo, máis formatos e máis xanelas para que a creatividade galega e internacional se poida ver en Marín”- manifestou Antelo.
Entre as principais novidades, subliñouse a incorporación do Ciclo Mestre Mateo, que permitirá ver na vila títulos destacados como As Neves, de Sonia Méndez ou Salvaxe, Salvaxe, de Emilio Fonseca, así como curtametraxes premiadas como Eu Vou Comigo de Chelo Loureiro.
As seccións clásicas —Filmes Atlánticos, Outras Miradas, Cinema Xove e Novos Medios — manteranse, ampliando o abano de públicos e estilos.
Western marinense

Os símbolos do festival
Un dos fitos máis singulares será a estrea de Por un puñado de pesos, a primeira serie web rodada integramente en Marín, un western con humor e espírito promocional ideado para dar visibilidade á vila. O proxecto, dirixido polos cineastas locais Pablo Dopazo e Anna Kulyk, podería abrirse paso agora no circuíto internacional da Web Series World Cup, onde o MAC xa participa oficialmente.
Actividades formativas e lúdicas
O festival tamén acollerá múltiples actividades formativas e lúdicas dirixidas á xuventude, como obradoiros de efectos especiais, espectáculos de maxia inspirados no cinema, charlas sobre intelixencia artificial aplicada ao audiovisual ou encontros con creadoras de contido dixital como Bea Sotelo. Estas accións permiten conectar o audiovisual coa formación, a creatividade e o uso de novas tecnoloxías —un enfoque moi en liña con iniciativas educativas como o módulo de Animación Visual en Vivo nos ciclos formativos galegos—.
Mabel Rivera, Premio de honra
Outro dos momentos máis emotivos da edición será a homenaxe á actriz Mabel Rivera, figura clave do audiovisual galego, quen recibirá o Premio de Honra do MAC MARÍN 2025.
A gala celebrarase o sábado 23 no Museo Manuel Torres e incluirá a proxección do documental Altri Non, no que Rivera participa como narradora e produtora executiva.
Con todas estas propostas, o MAC MARÍN reafírmase como un espazo de encontro e vangarda, onde o cine serve non só como entretemento, senón tamén como motor cultural, educativo e social. Un festival que, como destacou Elena Gallego, “demostra que o cinema non é só Hollywood: tamén pode e debe facerse dende aquí”.
Programación
O programa completo desta edición é o seguinte:
MÉRCORES, 20 DE AGOSTO
Museo Manuel Torres
10:30 h — Inauguración da Mostra: Marín de Cine - Club Audiovisual
11:00 h — Web Series World Cup, con Jöel Bassaget
12:00 h — Webseries galegas, con convidad@s especiais
12:30 h — Novos Medios: proxeccións
Parque Azul de Cantodarea
17:00 h — Proxeccións Selección Oficial - Filmes Atlánticos
18:00 h — Proxección do documental de Rogelio Santos Queiruga: Especies do noso
ecosistema mariño
21:00 h — Ciclo Mestre Mateo:
Proxección de Salvaxe, Salvaxe (longametraxe documental) Dirección: Emilio Fonseca XOVES, 21 DE AGOSTO
Casa de Cultura de Santomé
10:30 h — Charla de Nuska Chousa: Consellos para o coidado da horta
12:00 h — Proxección e coloquio: ALTRI NON - A Batalla Definitivam Con Mavel Ribera, produtora executiva do documental
Casa de Cultura de Seixo
17:00 h — Marín de Cine:
Reflexión sobre como potenciar o local a través do cine18:00 h — Máster Class: Creación
audiovisual
Hotel Villa de Marín
21:00 h — Ciclo Mestre Mateo: Proxección das curtametraxes: Platónico, Platónica, Véxote, Pura e Nai
VENRES, 22 DE AGOSTO
Museo Manuel Torres
10:30 h — MAC MARÍN: Presentación do primeiro certame adicado ao mercado audiovisual en Marín:
inicios, contexto e futuro
11:00 h — Máster Class:
A intelixencia artificial (IA) no audiovisual
A Bailona (Paseo Alcalde Blanco)
12:00 h — Charla con Bea Sotelo: Creadora de contido
12:30 h — Presentación de Harley: o can motero e tiktoker
Ateneo Santa Cecilia
17:00 h — Máster Class: Creación audiovisual
17:30 h — Cinema Xove: proxeccións de obras audiovisuais feitas por xente nova
Finca de Briz
17:00 h — Obradoiro Infantil Audiovisual: Efectos especiais para nenas e nenos
21:00 h — Ciclo Mestre Mateo:
Proxección da longametraxe de ficción As Neves
Dirección: Sonia Méndez
SÁBADO, 23 DE AGOSTO
Hotel Villa de Marín
11:30 h — MAGO PACO:
A Maxia do Cinema (espectáculo familiar)
12:00 h — Ciclo Mestre Mateo - Sesión Infantil: Proxección das curtas:
Eu Vou Comingo, Noites de Prata e Avetimología
17:00 h — Filmes Atlánticos:
Proxección da selección oficial
18:00 h — Outras Miradas:
Proxección da selección oficial
Museo Manuel Torres
20:00 h — Gala de entrega de premios da IV edición de MAC MARÍN
(con convite — é preciso escribir á produción para asistir)
A Bailona (Paseo Alcalde Blanco)
23.00h. Fin de festa coa actuación da banda Groovin Folks