Carriola.Redacción.16.11.25
O igresario de Santo Tomè de Piñeiro foi escenario do simbólico acto de izamento da bandeira que á mesma hora, practicamente, se fixo taménnoutras vilas e cidades galegas coa convocatoria da plataforma “Vía Galega”
Ao longo do acto procedeuse á lectura do manifesto co seguinte contido;
“Desde este luns pasado centos de bandeiras galegas foron mostradas con orgullo en distintos puntos do país. Hoxe, están convocados máis de 30 actos para o izar a bandeira galega, toda unha mostra de autoestima colectiva. Estes actos encádranse na campaña que Vía Galega vén desenvolvendo para difundir e popularizar os nosos símbolos nacionais, o himno e a bandeira, os que nos representan e identifican como Nación. O desleixo da Xunta de Galiza para con todo o que nos fai galegas e galegos condúcenos a que teñamos que ser outras as que suplamos a súa misión e obriga de procurar a máxima difusión e coñecemento dos nosos símbolos nacionais.
Xa van catro anos desde que Vía Galega escolleu unha data arredor do 17 e 18 de novembro para realizar estes actos co obxectivo de render homenaxe á I Asemblea Nacionalista de Lugo celebrada en 1918 nesas datas. Hai 107 anos, as mulleres e homes das Irmandades da Fala, recollendo o facho de persoas como Antolín Faraldo, Curros Enríquez ou Rosalía de Castro nomeáronse, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos.
Aquel manifesto-programa reivindicaba para Galiza a súa autonomía integral, defendía a igualdade de dereitos para as mulleres, esixían o uso do galego na administración, na educación e na xustiza ou un réxime tributario propio. Como se pode observar, moitas das propostas e reivindicacións recollidas naquel manifesto continúan estando en plena vixencia e formando parte das reivindicacións actuais. O nacionalismo ten que ser a fonte vella da que sempre brota auga nova, é unha metáfora dun dirixente basco moi acaída para entender que do nacionalismo galego ten que brotar sempre auga nova para servir á Galiza de hoxe, mais asumindo e reivindicando a nosa historia, porque hai que coñecer de onde se vén para saber onde queremos ir.
Mais as Irmandades da Fala, ao igual que a corrente maioritaria do nacionalismo desde entón, eran tamén profundamente internacionalistas e antiimperialistas. Por iso, nun día coma hoxe, no que queremos facer ondear a nosa bandeira como unión e afirmación patriótica dun pobo, non podemos esquecer aos nosos irmáns palestinos, un pobo que coma Galiza, ten vontade e arelas de ser libre”.