CarriolaConsll.Emprego.09.05.26
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, respondeu na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento unha pregunta relativa ao balance da convocatoria de axudas de 2026 destinadas ao impulso da innovación, modernización e sostibilidade do comercio local e artesanal, así como ao desenvolvemento do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que acada xa un grao de execución do 75 %, con 50 das 74 accións en curso.
No relativo ás axudas ao tecido comercial, cunha dotación de 4 M€ este ano e un grao de execución do 100 %, o director xeral sinalou que o éxito da convocatoria se debe principalmente á simplificación administrativa, á escoita activa e á adaptación constante aos requirimentos do sector. Neste senso, explicou que a orde integra tres grandes liñas de apoio: a mellora estética e funcional dos establecementos comerciais, con axudas de ata 15.000 euros; a dixitalización dos negocios, con achegas de ata 16.000 euros para a mellora de ferramentas tecnolóxicas, presenza dixital e adaptación á facturación electrónica; e a sustentabilidade ambiental, con axudas de ata 2.000 euros para materiais de empaquetado ecolóxicos e reciclados. O conxunto destas actuacións pode acadar unha financiación de ata 33.000 euros por comercio, cunha intensidade de axuda do 80 %.
Outras actuacións
Como mostra do acompañamento permanente ao tecido comercial, Gabriel Alén puxo tamén en valor outras actuacións encamiñadas á dixitalización para impulsar a súa competitividade, como as xornadas de experimentación tecnolóxica desenvolvidas a finais do pasado ano en colaboración con Gaiástech, que permitiron achegar novas ferramentas dixitais ao sector e que se estenderán a distintos puntos de Galicia co obxectivo de divulgar boas prácticas, fomentar a innovación e compartir experiencias de éxito.
Asociacionismo comercial
Así mesmo, destacou o apoio decidido do Goberno galego ao asociacionismo comercial, subliñando as achegas aos centros comerciais abertos (CCA), cun investimento próximo aos 2,5 M€ en 54 cidades e vilas galegas, co fin de dinamizar e profesionalizar o comercio local. Neste senso, e como mostra da excelencia galega, destacou o galardón e a mención honorífica —respectivamente—que veñen de recibir os CCAs de Ribadeo e Marín nos Premios Nacionais de Comercio. Tamén salientou a colaboración coa Federación Galega de Comercio a través de campañas xa consolidadas como Días Azuis e Merca no teu comercio, así como o novo campus formativo xa en marcha, adaptado ás necesidades reais dos comerciantes e orientado á mellora da súa competitividade.

Unha das feiras do Centro Comercial Aberto "Estrela de Marín"
Impulso dos recintos feirais
Na súa intervención no Parlamento, Alén referiuse tamén ao novo proxecto transfronteirizo Digital Expo, orientado a fortalecer a competitividade e a innovación dos recintos feirais. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa Interreg POCTEP (España-Portugal), liderada pola Xunta e na que tamén participan Expourense, a Universidade de Vigo, a Cámara Municipal de Viana do Castelo, a Cámara Municipal de Ponte de Lima e a Cámara Municipal de Arcos de Valdevez. O proxecto céntrase na aplicación da intelixencia artificial e das novas tecnoloxías ao comercio local e aos recintos feirais, co obxectivo de mellorar a xestión, a experiencia de compra e a eficiencia dos establecementos.
Plan estratéxico do comercio de Galicia
Finalmente, o director xeral subliñou outras medidas recollidas no Plan estratéxico do comercio de Galicia, entre as que destacou o apoio ás prazas de abastos, proxectos de dinamización comercial de vilas senlleiras como o piloto de Vivas Vivas en Ribadavia ou a iniciativa Localízate, dirixida á mocidade de ESO e FP Básica. Este curso inscribíronse máis 2.500 alumnos para fase desenvolvida nos centros educativos na que elaboraron propostas para impulsar o comercio local e, actualmente, preto de 1.000 —cos traballos mellor valorados na aula— están a realizar xincanas nas principais prazas de abastos e zonas comerciais das sete cidades galegas. O próximo martes 12 será a quenda de Ourense. Ademais, reiterou as demandas ao Goberno central de cara a unha maior colaboración e asignación de fondos europeos para impulsar o comercio local e potenciar as medidas eficaces que está a desenvolver en Galicia.